José Durán: "O CD Lugo dáo todo e quizá merece algo máis"

O adestrador advirte sobre un Athlétic B que chegará ao Ángel Carro "sen a presión dos puntos" e con xente de calidade
José Durán, entrenador del CD Lugo
photo_camera José Durán, entrenador del CD Lugo

O adestrador do Lugo, José Durán, advertiu este venres en rolda de prensa sobre o Athlétic de Bilbao B, rival dos branquivermellos este domingo (17.00 horas) no Ángel Carro e un conxunto que se quitou a presión tras confirmarse o seu descenso a Segunda B. "Espero un partido complicado. Non teñen a presión dos puntos, o Athlétic B é un bo equipo, con xente de calidade que busca o seu sitio no primeiro equipo ou na categoría na que agora están. Espero un equipo que virá con todo. Presionan moito, métenlle moito ritmo ao xogo e debemos procurar estar moi ben durante os noventa minutos se o queremos sacar adiante", comentou o adestrador do Lugo.

O técnico branquivermello valorou a situación do seu equipo tras os últimos resultados e insistiu en que o grupo o está dando todo e non hai relaxación nin desmotivación. "Despois dunha derrota é normal que desbasta. O equipo está a dalo todo, traballando a bo nivel, e quizá, mereceu algo máis. Sabemos que a liga é moi complicada en cada partido, sabemos que sumar costa moito neste tramo final. A medida que termina a competición e os equipos se van xogando máis cousas custa moito máis obter puntos. É habitual e está asumido", dixo.

A pesar de todo, José Durán reiterou que o grupo traballa ben e que, por exemplo, esta semana de adestramentos foi realmente boa e intensa, o que lle fai ser optimista de face ao encontro deste domingo. "Esta semana a xente traballou ben, con boa actitude e intensidade. Temos ganas de facer un bo partido diante da nosa xente, brindarlle unha vitoria e bo xogo", indicou.

Outro dos aspectos sobre os que falou o técnico do Lugo ten que ver co feito de que o equipo afrontará agora tres partidos nunha semana (Athlétic B, Numancia e Nástic). Os cambios e as rotacións parecen aseguradas. "Agora veñen partidos moi seguidos e entrará xente, igual que entrou noutras semanas. É posible que para o partido do mércores (en Soria) haxa máis cambios dos habituais con relación ao equipo que salga o domingo. Como sempre, a idea é sacar un equipo para competir e sacar os puntos, tanto na casa como en Soria", comentou.

Respecto da situación física do Lugo, José Durán confirmou a alta de David de Coz e non deu por descartado ao arxentino Pablo Caballero. "Temos á maioría para entrar na lista. De Coz é alta e Pablo Caballero vai aos poucos superando os seus problemas. Non asumiremos riscos con Pablo; se xoga é porque non corre perigo coa doenza. Está a recuperarse, pero non hai risco de que a lesión vaia a máis. Pola contra, non se asumirían situacións de risco. Para a baixa de Carlos Hernández temos as opcións de Pau Cendrós e de Israel Puerto; estamos a traballar niso", manifestou.

Un dos cambios significativos na visita a Ponferrada foi a estrea na Liga do meta Roberto Fernández. O técnico confirmou que se todo vai normal xogará o chantadino como titular na portería de aquí ao final da tempada. "Optouse a pasada xornada pola entrada de Roberto no equipo e a idea é que, salvo lesión ou sanción, continúe ata final de tempada. Non tería sentido darlle un partido só. A portería é un posto que necesita dunha continuidade para adquirir confianza. Xogará Roberto", dixo.

De volta ao duelo deste domingo, o adestrador do Lugo espera o apoio dos afeccionados e un encontro que resulte atractivo pola proposta e idea con que pode actuar o filial do Athlétic. "Temos un partido na casa ante un rival atractivo, que manexa o balón e que asume a posesión coma nós. Temos que gozar da situación que temos. Gustaríame que o domingo a xente baixase ao campo e que puidésemos ofrecerlles un bo partido. A nosa meta é dar un rendemento alto para buscar a vitoria. Só nos propomos iso", dixo.

Á vez, Durán insistiu en que o equipo pelexa e dáo todo, aínda que ás veces os resultados non acompañan. "Tivemos un inicio moi bo. En abril crecemos en xogo, pero os resultados non foron os mesmos. Competimos ben e procuramos ser un equipo difícil", finalizou José Durán.

Comentarios