Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Desde Europa a Asia

Los jugadores del Lugo, durante la tanda de penaltis en el Carranza en 2012
Los jugadores del Lugo, durante la tanda de penaltis en el Carranza en 2012
Os membros da plantilla do ascenso acabaron en diferentes destinos que van desde a Terceira española a Ucraína ou Hong Kong

Da Premier League de Hong Kong ao Crevillente. Da Primeira División ucraína á Superliga india pasando pola Terceira División galega. Poucos integrantes da plantilla que logrou o ascenso do Lugo a Segunda División en 2012 se manteñen na elite do fútbol en España ou en Europa. Apenas seis dos vinte e un membros daquel vestiario resisten entre Primeira e Segunda en España; o resto tivo que buscarse as castañas en ligas menores no estranxeiro ou nas catacumbas do fútbol nacional.

No primeiro caso xorden nomes como o do dianteiro Belencoso, actual xogador do Atlético Kolkata, da Indian Superligue, baixo as ordes de Francisco Molina e onde é compañeiro do exportero do Lugo Dani Mallo. O manchego xogara antes no Kitchee, de Hong Kong, durante varias campañas.

Nese mesmo Estado xoga o central Diego Garrido, quen tras militar en equipos como o mesmo Cádiz, Orihuela, Logroñés ou A Roda emigrou á Premier League de Hong Kong esta tempada para formar parte do Southern District FC.

Nun destino inusual atópase tamén o lateral asturiano Aitor Fernández, quen milita no Zirka, da Primeira División ucraína.

Outros xogadores como Félix Quero ou Diego Rivas regresaron de Bolivia -no Jorge Wilstermann- e Nova Zelandia -no Auckland City- respectivamente para xogar actualmente no Caudal, do Grupo I de Segunda B, no caso do extremo asturiano, e no Murcia, do Grupo IV da categoría de bronce no do porteiro de Narón.

En Segunda B tamén xogan o mediocentro Javi Rei, quen forma parte do persoal do UD Logroñés; Iván Zarandona, que está no Palencia -ambos do Grupo I-; o lateral dereito Sergio Igrexas, ‘Liru’, no Atlético Sanluqueño, do Grupo IV; e Víctor Marco, no Mensaxeiro canario, do Grupo II.

Outros baixaron unha categoría máis, ata Terceira División, como son os casos de José María Belfortti, no Crevillente alacantino; Rubén García, no Barco ourensán, Luismi Graza, no Sant Andreu catalán; e Gerardo Berodia, que pasou de ser unha estrela no Wilstermann boliviano a xogar en Terceira no Navalcarnero as dúas últimjas tempadas e no Móstoles desde o verán. Iván González ou o arxentino Monti atópanse sen equipo.

Mentres, outros lograron sobrevivir na elite. Isma López é o que máis creceu ao xogar co Spórting en Primeira División. En Segunda están Manu e Carlos Pita, que resisten no Lugo; Iago Díaz, no Almería; e Fran Pérez e Gradua, no Ucam Murcia.

Desde Europa a Asia
Comentarios