Instalarase unha pantalla xigante en Augas Férreas

Os seguidores do equipo lucense esgotaron as 900 entradas postas onte á venda nas oficinas do club en pouco máis dunha hora e cuarto

O decisivo encontro que esta noite disputarán no Pazo Paco Paz o Ourense Baloncesto e o Ribeira Sacra Breogán poderá seguirse a través dunha pantalla xigante que se situará na Praza de Augas Férreas. A pantalla terá unhas medidas de catro metros de longo por tres de alto e a súa colocación está patrocinada pola asociación de hostaleiros da zona e pola Concellería de Deportes do Concello de Lugo.

O encontro poderase seguir pola canle de febtv e tamén a través da páxina web do Progreso.

Moitos lucenses seguirán o encontro por televisión por non poder desprazarse ou ao non conseguir entradas para velo in situ. As 900 entradas que enviou o Ourense ao Breogán para a venda aos seus afeccionados esgotáronse en pouco máis dunha hora e cuarto.

Antes de abrirse os despachos de billetes xa había xente esperando nos arredores do Pazo dos Deportes de Lugo, onde se sitúan as oficinas do Breogán, ante a posibilidade, como así que ocorreu, de que se esgotasen con rapidez. Algúns afeccionados lucenses conseguiron entradas nalgún caso trasladándose a compralas a Ourense e outros por medio de amigos ou coñecidos residentes na cidade das Burgas.

Polo tanto, e a pesar de ser xornada laborable e disputarse a unha hora tardía (21.00 horas), preto dun milleiro de lucenses -serían máis se se dispuxese de máis localidades- volverán apoiar aos seus xogadores.

O Pazo Paco Paz, por primeira vez desde hai anos, rexistrará un cheo absoluto. Aínda que ao pecharse onte os despachos de billetes aínda quedaban preto de 700 entradas por vender, existe a completa seguridade no club ourensán que todas elas se despacharán a primeiras horas da mañá de hoxe. Os despachos de billetes en Ourense abrirán ás 10.30 horas.

REACCIÓN

A positiva reacción da afección lucense, respondendo de forma masiva a pesar da dura derrota sufrida o pasado domingo, causou incluso certa estrañeza no club ourensán, que esperaba que desde Lugo se devolvesen algunhas localidades. A situación foi totalmente contraria e foi o Breogán o que solicitou máis localidades, aínda que parece que esta petición non vai poder ser atendida.

Tamén haberá marca de presenza de representantes de medios de comunicación. A responsable de prensa do Ourense recoñeceu onte problemas de espazo para atender todas as peticións.

Comentarios