Corazón celeste en Lugo

Centos de afeccionados reúnense na Praza de San Marcos para homenaxear aos xogadores e ao corpo técnico do Ribeira Sacra Breogán nun acto organizado pola Deputación
Los jugadores saludan y firman autógrafos a los aficionados que se concentraron ante la Diputación
photo_camera Los jugadores saludan y firman autógrafos a los aficionados que se concentraron ante la Diputación

Non fallou de novo. Outra vez estivo cos seus ídolos. Non foi no Pazo, ou nun pavillón alleo. Non foi no fragor da loita, nos arredores do campo de batalla, coa tensión dun encontro gañado ou perdido aínda no corazón. A afección breoganista mostrou de novo que non falla, que está ás duras e ás maduras e onte acudiu a homenaxear aos xogadores e técnicos do Breogán na Praza de San Marcos, enfronte do edificio da Deputación, onde se citaron cos heroes que loitaron ata o último segundo e ata a última pinga de suor por un ascenso que quedou a un partido.

Foron de novo os máis fieis, os que non abandonan nunca os que recibiron tamén o cariño de todos os xogadores, salvo Van Wijk -convalecente da súa operación dunha man-, os que asinaron autógrafos, regalaron camisetas de partido e falaron e agradeceron todo o agarimo mostrado polos afeccionados lucenses.

Así o demostrou o adestrador do Breogán, Lisardo Gómez, quen se mostrou orgulloso de ser o técnico do equipo da súa cidade e da súa xente. «Teño que agradecer a os que me deron a oportunidade de adestrar ao equipo da miña cidade e do meu corazón, porque penso que non hai cousa mais grande ca esa», indicou Lisardo, quen non se esqueceu dos seus xogadores, «un grupo tan profesional, tan loitador e tan bo que será difícil que adestre a un colectivo como este, que levou sempre a camiseta do Breogán con orgullo».

Tamén falou no acto de onte o presidente do club lucense e vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga. «Esta masa social levou polo aire ao equipo todo o camiño. Conseguimos encher o Pazo e que fose de todos os de Lugo, de toda a provincia, aínda que non lográsemos o ascenso».

Quen non deixou indiferente a ninguén foi o membro do consello de administración do Breogán Alberte Fernández, que insistiu en dar á afección o protagonismo ao manifestar que «sempre estivo aí cando a necesitamos, cando precisamos levantarnos por estar nun mal momento». Tampouco se esqueceu de apoios como os medios de comunicación, «que valoraron o que hai aquí, medios como a Ser, a Cope, El Progreso ou Telelugo». Ademais, tamén destacou o logro de «captar e aumentar a masa social e conseguir cumprir aquelo de que Breogán é Lugo e Lugo é Breogán».

Para rematar, os xogadores foron obsequiados cun pin da muralla de Lugo.

Comentarios