Antonio Veiga: "O Breogán non se rende ante derrotas como a de Ourense"

O vicepresidente da Deputación e presidente do Breogán, Antonio Veiga, felicitou aos xogadores e afeccionados pola campaña realizada, a pesar de non lograr o ascenso. «Hai que felicitar ao Ourense e tamén aos nosos xogadores por todo o traballo feito. Tamén a esta grandísima afección que temos. Estamos doídos por non poderlle ofrecer algo máis, pero teño o convencemento de que todo o mundo deu todo de si. Era un partido difícil nunha cancha difícil e hai que aceptar o resultado. O Breogán cumprirá cincuenta anos e non se rende ante derrotas como esta», dixo.

Sobre o futuro do club, Veiga destacou que haberá un novo consello de administración cando se vendan as accións da Deputación e destacou a nova masa social que se sumou neste play off de ascenso. «Esta semana teremos un consello. Na última xunta de goberno da Deputación aprobouse a venda do 16% de accións que quedaban e o prazo era de dez días. En función de como se reparta o accionariado haberá que constituír a nova dirección. Aguantaremos ata o último momento resolvendo as cuestións que precise. O consello ten que inscribilo na próxima tempada».

«Non creo que haxa problema. Este ano enganchouse un bo número de xente nova e de toda a provincia e temos que telo en conta», afirmou Veiga.

A Deputación recibirá ás oito desta tarde na súa sede aos xogadores e o corpo técnico do Breogán.

Comentarios