Sabela Maneiro (Tanxugueiras) | Sábado. 21.00. Burela

"Poida que o éxito de Rosalía nos axude a ser mellor vistas"

As irmás Maneiro son xemelgas e ás veces buscan diferenzarse co mesmo espírito de ‘Contrapunto’,o disco con dez temas de música tradicional anovada
Tanxugueiras. PLAYPLAN
photo_camera Tanxugueiras. PLAYPLAN

En Burela naceron Batuko Tabanka, un grupo de mulleres que cantan con percusión. Sabela Maneiro coñéceas. "Escoiteinas por riba", indica a integrante de Tanxugueiras, que actúan este sábado en Burela —auditorio municipal, 21.00 horas—. Sabela comparte grupo coa súa xemelga, Olaia, e con Aida Tarrío. "Fálase de nós en plural, pero tamén queremos que se fale de Olaia, Aida e Sabela", advirte.

Contrapunto fala da vida: o positivo baila co negativo.
O nome do disco vén do baile tradicional: o punto. É un xogo de punto e contrapunto.

O punto ten unha estrutura machista.
O baile tradicional é machista. O home saca a muller a bailar. Agora empezan algunhas mulleres a dirixilo, pero o tradicional é que saque o home. Hai unha controversia sobre se hai que estar a favor de conservar o tradicional e conservar as touradas. Tradicional, si; pero debemos avanzar.

Nas touradas hai violencia; no baile, non.
Era un exemplo. É un espectáculo grotesco que eu rexeito completamente. Referíame a que hai quen asegura que a tradición non se toca e defende os touros.

Vostedes traballan coa base da tradición para rachar coa tradición nas súas creacións.
Non descubrimos América. Queremos que a tradición chegue a máis público. A tradición é tamén dos nosos tempos. O blues e o rock son músicas tradicionais que chegaron a moita xente. Cambiaron o enfoque para que chegase a máis xente. Cremos na nosa música e queremos exportala. Hai moitos festivais de música tradicional polo mundo, e queremos levar a nosa e defendela.

Saltaron á fama co vídeo de Panaderas, unha canción que non é galega nin cantan nun escenario. Estaban nos camerinos do Celtic Festival.
Nós soubemos dese vídeo cando levaba 200.000 reproducións. Era unha canción que aprendéramos en YouTube como un xogo de mans. Cantámola nun momento de distensión. Non estaba no repertorio.

E agora non sae do repertorio.
É unha canción salmantina bonita. Sorpréndenos que temos moito cantado e esa faise viral. Achegounos moito aos nenos. Cantamos todos os estilos. Temos moitos críticos porque dicimos que temos que abrir, que a tradición pode ser cousa de catro. Non podemos cantar como a señora da aldea X porque non sabemos ao cento por cento como cantaban.

A chegada da radio trastocou a tradición.
Son afeccionada á recollida. A miña favorita é unha señora que canta en plan tradicional nos anos 60. Chega a radio e as súas fillas, que agora serán vellas, cantan en forma de copla, adaptando o seu ao que escoitan na radio.

Vostedes manteñen ese espírito de mezclar para innovar. Vainos marchar a entrevista sen falar de Contrapunto. É un álbum con cinco temas positivos e cinco negativos que se van alternando.
Somos tres rapazas. Este disco conta unha historia dunha persoa, con ese contrapunto de cousas boas e malas que nos acontecen a todos.

Comeza con Autocracia, unha canción política.
Esa canción é O paseo. Non se sabe de onde procede. Fala dunha muller que vai ao cárcere visitar un familiar e escoita os presos cantándoa. Hai rapaces que pensan que ‘O paseo’ se refire a pasear. Empezamos con outra letra para explicar a que se refire. Empezamos cunha canción política porque debemos coñecer o pasado para non repetilo.

Irmandade é a canción máis íntima.
Fala de nós, de persoas que viven como se fosen irmás de sangue, sobre ir collidas da man sen egos mal medidos.

Olaia e vostede son irmás de sangue. Como empezaron en Tanxugueiras?
Cantamos xuntas dende pequenas en Luou (Teo). Nunca pensamos en chegar onde chegamos. Aida tocaba a pandeireta en Ribeira. Non foi algo que pensásemos.

Se non pensaron en actuar en público, por que gravaron un disco?
Levabamos moitos palcos. Pensamos en dar un salto. Nunca producíramos un disco, pero saiu Contrapunto.

O vídeo de Deposorio está protagonizado por un grupo de danza contemporánea. Hai influencia de Rosalía?
Inflúe en que vén da música de raíz e lle dá un xiro brutal. Cando empezamos a facer o disco non era coñecida, eu non sabía quen era.

Serve para que a súa fórmula sexa mellor aceptada?
Poida que axude a que sexamos mellor vistas por parte de xente que non é de música tradicional. Escoitamos de todo, Billie Eilish e Rosalía; en Albedrío hai un chisco a Eilish. Rosalía fixo o que lle deu a gana coa música flamenca, aínda que se considerase un sacrilexio.

Aféctanlles os cuestionamentos para compoñer?
Tratan de facer temas máis pegados á tradición? Non, ao revés. Un dos temas do disco, ‘Perfidia’, está dedicado aos críticos que fan comentarios maliciosos. Agradecemos as críticas construtivas porque nos sirven para medrar. Ao primeiro as críticas afectábanos no ámbito persoal, agora rimos. .

Recoñeceu vostede que ver un concerto en directo dunhas rapazas cantando e tocando a pandeireta pode aburrrir a algúns. Que van amosar no concerto de mañá en Burela?
Levamos un espectáculo novo, máis teatralizado. Cando comeza o concerto aparece unha voz en off dunha señora que asegura que ela viviu o que contamos nas cancións, que pasou fame e medo, que lle pasaron esas cousas. Saímos a escena nós as tres e máis o percusionista Isaac Palacín.

Máis en Agenda
Comentarios