miércoles. 17.07.2019 |
El tiempo
miércoles. 17.07.2019
El tiempo

Felisa Segade: "A xente comezou a investigar nas súas familias tras escoitarnos tocar"

Leilía. KARLOS ABAL
Leilía. KARLOS ABAL

Felisa Segade subirá ao escenario do Festival de Ortigueira xunto ás Leilía, as cinco mozas que revolucionaron a música tradicional a base de ferreñas

O DOMINGO remata Ortigueira. Despois de tres días de gaitas, buzukis e bombadas, subirá ao escenario a forza da percusión. Os xogos de voces da Tanxugueiras levan uns anos de moda e serán os que arranquen ás 23.30 horas. Un grupo de mulleres tocando percusión non é raro agora. Érao en 1989 cando as Leilía subiron ao escenario. Felisa Segade iniciou un camiño —xunto coas súas catro compañeiras— que reivindicou a todas as mulleres que tocaban e cantaban nas ruadas.

Leilía naceu cun grupo de xente que quedaba os domingos, cantaba, tomaba vermús... 
Naceu informal e naceu pola necesidade. Montse e eu iamos de recollida. Co que gravabamos dábanse clases de baile, pero a música estaba supeditada ao baile. Entón quedabamos pola necesidade de sacar esas pezas das cintas e empregalas. A xente foise descol gando e quedamos o que ao final foi Leilía.

Cal foi a súa primeira recollida?
Tiña 14 anos e fíxena co director de Cántigas e Agarimos, non lembro cal foi a primeira pero si que sei cal foi a que máis me impactou: a de Jesús de Bazar, cantaba coma os anxos, e a muller que estaba con el, que era impresionante. Quedei impactada.

Nas recollidas é onde se aprecia a importancia do canto e da percusión.
É onde ves que aquí báilase maioritariamente acompañado por pandeiretas e voz, non gaita. Eu empecei a tocar eu soa, tocaba nunha carpeta e imitaba o que vía. A miña aprendizaxe foi esa, reproducir lentos os vídeos das señoras.

Eran elas as que tocaban.
A festa de diario facíase con pandeireta e mulleres do pobo; a festa do patrón, co gaiteiro e pagándolle. Era un oficio. Non bo, pero érao. Había esa expresión de "eres un gaiteiro" como algo mal visto, como que non querías traballar. A figura da pandeireteira era a de calquera persoa dunha aldea. Era unha forma de vida.

Os Portela, o gaiteiro de Soutelo... Os nomes deles transcenderon. Os delas, non.
Transcende o que é excepcional. Se na túa aldea, todas as mulleres saben tocar e bailar, non transcende. Incluso a palabra pandeireteira e cantareira son novas. Non chegas a unha aldea preguntando por iso. Preguntas que muller toca.

De algo tan habitual arrancaron as Leilía para facer vangarda, simplemente co feito de subir esas músicas a un escenario.
Non nós decatabamos da dimensión que ía ter Leilía, pero si que foi algo moi bo para a música galega. Son consciente de que dende a nosa aparición os músicos galegos miran máis cara a música tradicional. Nos 80 atendíase máis á irlandesa, escocesa... Todo tiña que ver coa gaita. Conseguimos devolver esas músicas ao noso día a día.

E como as recibiron daquela?
Creo que a maior impresión que causamos foi ao principio de todo, despois da primeira actuación na Praza de Cervantes en Santiago. Despois dese día foi todo moi rápido, en seguida estivemos integradas. Ata nos poñían a etiqueta ‘folk’, que daquela estaban Gwendal, Milladoiro...

Pero como foi ese día en Cervantes?
Iamos subindo cara a praza. Había un festival e estaba petadísimo. A xente non sabía que ía escoitar. Mentres cruzábamos escoitábamos: "Bu... Gaitas". E nós pensabamos: "Cando escoiten isto van flipar". Para moita xente era a primera vez que escoitaban pandeiretas e un canto bastante duro. Oíase rexeitamento e, cando baixamos, era todo o contrario. Despois de escoitarnos, a propia xente empezou a investigar nas súas familias, a preguntarlle ás avoas se cantaban.

E agora, 30 anos despois, hai foliadas en cada esquina.
Que haxa foliadas abertas ás tantas da mañá, xente que se anote en listas para tocar... É moi enriquecedor, é onde se ve que a nosa música está máis viva ca nunca.

E que vai cambiando: que as mulleres saquen punto, que a xente baile vestida de rúa...
Vanse facendo esas cousas porque, cando algo volve estar vivo, sufre cambios. É inevitable. Se pretendemos a igualdade de xénero na sociedade non ten sentido que, cando te estás divertindo, só saquen puntos os homes. Antes tampoco era así sempre, cando non había homes tamén sacaban elas.

Que tamén eran as que preparaban as festas.
Elas organizaban e facían a música. E tamén había a remuda, que era que unhas tocaban unhas pezas e despois tiñan que vir as outras, para que todas puideran bailar e ligar.

Se Leilía iniciase hoxe o seu camiño, como sería?
Non teriamos esa necesidade de salvagardar tanto a autenticidade. Cando Leilía nace é certo que moita xente nos dicía que tiñamos que gravar un disco con músicos. Nós sentiamos que primeiro había que ensinar os cimentos da nosa música e despois xa se farían outras cousas. Se nacésemos hoxe non teriamos que facer ese primeiro disco. Pero quen sabe, igual mañá nacen unhas pandeireteiras que volven a ter a necesidade de atoparse coa terra.

E que sería de Felisa Segade sen Leilía?
É moi difícil separar a miña vida do grupo. Vou cumprir 50 e levo máis da metade da miña vida no grupo. A satisfacción que me dá Leilía é a satisfacción da vida, de sentirte orgullosa do que fas. Tamén foi un camiño duro, aínda hoxe non podemos vivir musicalmente do grupo. Paréceme triste. Non por nós, senón para a música deste país. Pero tamén é satisfactorio pensar que non puideron con nós, aquí seguimos.

Sodes as Spice Girls do tradi.
[Rí] E seremos.

Felisa Segade: "A xente comezou a investigar nas súas familias tras...
Comentarios