Debullar a realidade do oso pardo e da súa recuperación nos Ancares, falar da diversidade natural, patrimonial e cultural da Montaña, adentrarse na historia de Navia de Suarna ou pasear son os eixos sobre os que se asenta o arranque de Coñece Ancares, unha iniciativa que bota a andar esta fin de semana da man de mozos e mozas vencellados dun ou doutro xeito á vila naviega.
Xalo López, Silvia Saavedra, Navia López, Lois Vázquez, René Horta, Ismael Álvarez, Claudia Pardo e Julia Gegunde son os oito rapaces que forman o grupo Xuventude do Navia, un equipo co que canalizar os trámites e axudas precisos para sacar adiante as actividades que se desenvolverán os días 30 e 1 e cuxo futuro, aínda por concretar, parece asegurado.
O sábado haberá charlas sobre a fauna e flora dos Ancares, ademais dun roteiro por Navia, e o domingo, ruta de Piornedo ao Mustallar
Con todo, a idea vén de atrás. "En 2019 solicitámoslle á Xunta unha axuda para desenvolver un proxecto bastante similar a Coñece Ancares. Daquela concedéronola na segunda convocatoria, pero todos tiñamos que comezar os estudos e non se puido executar. Agora melloramos a programación e antes do verán xa nos outorgaron a axuda", relata Julia Gegunde, unha das ideadoras dun plan que ten como obxectivo "atraer xente aos Ancares".
Como o farán? Mostrándolles as súas riquezas. O poder de convocatoria foi todo un éxito e ao segundo día de abrir o período de inscrición as prazas xa estaban cubertas. Serán 30 as persoas de Lugo, Vilalba, Chantada, A Coruña, Pontevedra, Vigo, Barcelona ou Santa Cruz de Tenerife que desfrutarán das actividades programadas e que disporán, ademais, de aloxamento facilitado polo grupo e os establecementos locais, aínda que desde Xuventude do Navia lembran que as charlas están abertas aos veciños que queiran "ver a súa terra non con ollos de turista, senón con ollos de foráneo, para apreciar o que aquí hai".
Programación
A axenda arrancará o sábado ás 10.00 coa presentación de Coñece Ancares no consistorio de Navia, e seguirá ás 11.00 co roteiro polo patrimonio da localidade co catedrático Pegerto Saavedra, que afondará no pasado de Navia a través da ponte, do castelo, das tradicións e dos veciños.
Xa pola tarde, ás 16.00, Antonio Regueiro falará da flora e vexetación dos Ancares; ás 17.30, Alberto Uría, da asociación Corripa, abordará a diversidade entomolóxica da zona, e ás 19.00, Óscar Rivas, da fundación Oso Pardo, comentará a situación desta especie na Montaña. E a música correrá a cargo das Pandereteiras Deiquí, co seu profesor, Ismael Carcedo.
Así mesmo, o domingo será a ruta de Piornedo ao Mustallar con Lola e Isolina, de Piornedo Anda, a visita á palloza do Sesto e a clausura destas primeiras xornadas con petiscos e música de diversos membros de De Ninghures.
Para levar a cabo a idea, desde Xuventude do Navia agradecen a implicación dos relatores e músicos, do Concello e dos particulares que interveñen na loxística do evento.