A Xunta inviste 180.000 euros nos albergues de Paradela e Pedrafita do Cebreiro

Entre as actuacións destaca a instalación de depuradoras "máis eficientes e con maior capacidade" para facer da contorna do Camiño de Santiago un lugar máis sostible 
Albergue de Ferreiros, en Paradela. GOOGLE MAPS
photo_camera Albergue de Ferreiros, en Paradela. GOOGLE MAPS

A Consellería de Cultura e Turismo destinará 183.860 euros a realizar obras de mellora nos albergues lucenses de Ferreiros, no municipio de Paradela, e Pedrafita do Cebreiro.

Entre estas actuacións, destaca a construción de sendas depuradoras, "máis eficientes e con maior capacidade para atender á demanda actual de usuarios". Ambos os contratos están en proceso de licitación e as empresas interesadas teñen de prazo ata o 31 de agosto para presentar as súas ofertas. O prazo máximo de execución dos traballos será dun mes.

As actuacións enmárcanse no "compromiso" da Xunta de Galicia para "pór a disposición das peregrinos instalacións adaptadas ás novas necesidades" e "apostar por un Camiño de Santiago máis sostible". Neste sentido, as novas depuradoras mellorarán a eficiencia do saneamento, eliminando o risco de verteduras prexudiciais para o medio ambiente.

A intervención no albergue de Ferreiros incluirá tamén a revisión e reparación das lousas de lousa e das tellas do teito, así como a instalación de canlóns e outros elementos que permitan evacuar adecuadamente as augas pluviais. No interior colocaranse radiadores eléctricos e repararanse os baños. O orzamento de licitación ascende a 91.333 euros.

No que respecta ao albergue de Pedrafita do Cebreiro, acometeranse reposicións puntuais na cuberta de lousas e reparacións de humidades, así como melloras nas zonas de lavabos e baños. As obras licítanse en 92.530 euros.

De cara ao Xacobeo 2021, a administración autonómica seguirá realizando actuacións na rede pública de albergues, tanto no relativo á adecuación dos xa existentes como na incorporación de novas instalacións. Neste último caso, destaca o antigo palacio episcopal de Diomondi, no Saviñao, que se atopa en proceso de adxudicación cun orzamento que supera o millón de euros.

Comentarios