A Xunta enxalza en Baralla o traballo do operativo antiincendios enviado a Ávila

Actuou en varios puntos e atallou un dos focos tras ser alertado polos veciños
photo_camera O director xeral de Defensa do Monte e o xerente da Axega recibiron este mércores en Baralla aos integrantes do dispositivo antiincendios da Xunta desprazado a Ávila para colaborar nas tarefas de extinción do lume iniciado o sábado en Navalacruz. VÍDEO: XESÚS Ponche

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, acompañado polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, enxalzou este mércores o labor do operativo antiincendios enviado pola Xunta para colaborar na extinción do lume que afecta desde o pasado fin de semana a varias localidades de Ávila. 

Ambos recibiron en Baralla os integrantes do dispositivo, que ao longo de dúas xornadas actuou en distintos puntos quentes do incendio e chegou a atallar un dos focos tras ser alertado por veciños da zona. 

En concreto, a Consellería do Medio Rural desprazou a territorio abulense na medianoite do domingo catro brigadas, dous axentes, un técnico e dúas motobombas pertencentes ao Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) de Galicia. 

Pola súa banda, a Axega, dependente da Vicepresidencia primeira, achegou un camión cisterna que se encargou de abastecer de auga as motobombas. 

Durante dous días de traballo, o operativo galego foi mobilizado para intentar controlar o lume nas localidades de Navalmoral e Navalacruz, onde se orixinou o lume o pasado sábado. 

No marco desta intervención, a cisterna da Axega forneceu 86.800 litros de auga ás motobombas do SPIF, pero tamén a dispositivos de intervención doutras comunidades que acudiron a extinguir as chamas.

O lume iniciado o sábado en Navalacruz, que agora está estabilizado, é o máis grave dos rexistrados no que vai de ano en España, á espera de poder realizar un balance. O cálculo provisional da Junta de Castilla y León estima en polo menos 12.000 as hectáreas de terreo carbonizado.

Comentarios