A Xunta busca o xeito de axudar á familia de Navia de Suarna que quedou sen casa

A Administración autonómica estudará "ata onde se pode chegar" para que poidan recuperar o seu negocio, con axudas para reconstruír o inmoble ou a través do Igape

José Manuel Balseiro. VITORIA RODRÍGUEZO delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, recibiu este luns ao propietario do Caserío Meiroi, o establecemento dedicado a casa de turismo rural e restaurante, na parroquia de Mosteiro de Navia de Suarna, que quedou totalmente destruído o pasado fin de semana por mor dun incendio. Balseiro recordou a difícil situación na que se atopa agora esta familia, porque o lume destruíu o seu negocio e medio de vida, pero tamén o seu domicilio, e o seguro que tiña contratado non cobre os danos ocasionados.

Por iso, o propio delegado confirmou que a Administración autonómica está a estudar fórmulas para axudar a esta familia a levantar de novo o seu negocio e técnicos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) realizarán esta semana unha visita ao inmoble destruído para realizar unha valoración das obras e do investimento necesario. Unha vez redactado ese informe, precisou Balseiro en rolda de prensa, a Xunta estudará "ata onde se pode chegar" para axudar a estas persoas a recuperar o seu negocio, con axudas para reconstruír o inmoble ou a través do Igape.

En todo caso, incidiu en que o máis importante é que esta familia poida durmir pronto "a cuberto" e na súa propia casa, polo que a Xunta ofreceulle ao propietario dúas opcións na reunión, ou ben unha vivenda social pública no municipio de Becerreá, ou ben un bono aluguer para que poidan quedar en Navia de Suarna. En principio, a idea do propietario, precisou Balseiro, é quedar en Navia, polo que previsiblemente buscará unha casa de aluguer e recibirá unha axuda de 150 euros ao mes, así como 600 euros para facer fronte aos gastos iniciais —fianza e contrato de subministración—". "Perdérono todo. Todo canto tiñan", dixo Balseiro. 

Comentarios