A Xunta aclara que reparar a pasarela fluvial de Barcia non é da súa competencia

Os veciños denunciaran o mal estado da pasarela, necesaria para chegar á capitalidade municipal sen ter que dar un rodeo de máis dun quilómetro
2020011116173594311
photo_camera Estado da pasarela. EP

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, aclara que a reparación da pasarela fluvial da parroquia de Barcia, en Navia de Suarna, é competencia tanto do Concello como da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, organismo dependente do Goberno central.

José Manuel Balseiro, que ve "totalmente xustificadas" as queixas veciñais polo estado no que se atopa esta infraestrutura, di que a Xunta achegou os recursos necesarios para construír a pasarela a principios dos anos 90, pero que son os concellos os que, como neste caso, son os responsables da conservación e mantemento destes elementos. En todo caso, recorda que o goberno local pode pedir axuda á Confederación para acometer estes traballos.

Esta aclaración chega despois de que os veciños que residen no barrio naviego de Barcia denunciasen o mal estado da pasarela peonil que utilizan para poder cruzar o río Navia e chegar ao centro urbano da capital municipal.

As algo máis dunha decena de persoas que residen nesta parroquia naviega explican que de non ser por esta pasarela deben efectuar un rodeo a pé de algo máis dun quilómetro para chegar á Proba, polo que dependen desta infraestrutura para poder realizar moitas das súas xestións diarias.

Comentarios