Baixo a lema Na comarca dos Ancares tamén hai románico, o colectivo Patrimonio dos Ancares acaba de pór en marcha unha iniciativa a través da cal promoverán visitas guiadas gratuítas para coñecer moitas das xoias arquitectónicas do románico que aínda se conservan na comarca da Montaña.
Segundo defende o historiador Xabier Moure, esta iniciativa nace co obxectivo de pór en valor moitas das igrexas románicas da comarca que, aínda que en moitos casos son descoñecidas e atópanse nun preocupante estado de abandono, "por arquitectura e decoración nada teñen que envexar ás igrexas doutras partes de Galicia".
Moure destaca que na maioría destes templos "predomina a sinxeleza", o que, segundo el, "non lle resta beleza a estas construcións realizadas polos canteiros e artistas dá zona que, con escasos medios, legáronnos auténticas obras de arte".
As visitas serán gratuítas e darán a coñecer distintos templos de Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia, As Nogais e Pedrafita
Estas visitas guiadas poderanse realizar ao longo de seis fins de semana, entre os meses de agosto e outubro. As persoas que se inscriban poderán, deste xeito, coñecer distintos templos situados nos concellos de Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.
Concretamente, no primeiro destes municipios poderanse visitar as igrexas de San Martiño de Berselos, Santiago de Covas, San Miguel de Neira de Rei e as sepulturas medievais de Sanamede. En Becerreá visitaranse as igrexas de San Remixio de Liber; Santiago de Nantín (en ruínas); San Cosme de Ouselle e a monasterial de Santa María Penamaior; en Cervantes mostraranse os templos de Santa María do Castro, Santa María de Dorna e San Román de Cervantes; en Navia, as igrexas de San Miguel de Barcia, San Salvador de Mosteiro e tumbas medievais; nas Nogais, os templos de Santiago de Doncos, Santo André, San Xoán de Torés e un dobre sepulcro antropoide que se dará a coñecer o mesmo día da visita. Finalmente, en Pedrafita do Cebreiro, os participantes nesta actividade poderán coñecer Santa María A Real do Cebreiro, San Xoán do Hospital e Santo Estevo de Liñares.
Aínda que a actividade será gratuíta, as persoas interesadas en participar na mesma deberán inscribirse previamente, xa que as prazas son limitadas. Para facelo, basta con enviar un correo electrónico a [email protected], indicando as visitas nas que se quere participar.