O vello depósito de auga da Fonsagrada será retirado en tres semanas

undefined
photo_camera O vello depósito de auga da Fonsagrada. AEP

O Concello da Fonsagrada prepárase para ultimar as obras que levan a retirada do vello depósito de auga. A finalización do proxecto, que se atopa en marcha desde hai un ano, está prevista para dentro de tres semanas.

A infraestrutura foi inaugurada nos anos 60 e atópase en desuso desde os 90, cando se procedeu á construción do novo depósito que está situado apenas a cen metros de distancia. Carlos López, alcalde do municipio, declara que o orzamento para a demolición "ascende a unha cantidade próxima aos 30.000 euros, que están inseridos no Fondo de Compensación Ambiental".

Este financiamento procede, segundo apunta López, "dunha partida anual asignada ao concello polo mantemento dun parque eólico no termo municipal". Respecto do seu estado, o rexedor refírese ao depósito como " niño de contaminación debido ao gran abandono ao que leva sometido todos estes anos, ao que se debe sumar que constitúe un lugar idóneo para a proliferación de roedores. Ademais, a altura que ten afea completamente o centro urbano, polo que era necesario encarar finalmente a súa demolición".

A pesar dos problemas que xerou no seu momento esta obra, levantada fai máis de 50 anos, chegou a converterse co tempo nun dos símbolos do municipio, pois a súa estrutura permite que sexa visible practicamente desde calquera punto.

Comentarios