A Valedora tramita a queixa dun edil de Cervantes que non entrou en Protección Civil

O popular Javier Santín acusa ao alcalde de discriminación ideolóxica e este aclara que as admisións competen á directiva da agrupación
Javier Santín. EP
photo_camera Javier Santín. EP

A Valedora do Pobo, Dores Fernández, admitiu a trámite a queixa do portavoz do PP de Cervantes, Javier Santín, pola falta de resposta á súa solicitude de admisión, xunto á doutra ducia de solicitantes, na agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cervantes. A petición foi formulada en setembro de 2018. Santín argumenta que foi rexeitado por razóns ideolóxicas.

O edil popular considera que se trata dun caso de "desprezo e discriminación por parte do alcalde, como máxima autoridade municipal en protección civil de emerxencias", explica. Santín denuncia "a deixadez" do rexedor, o socialista Benigno Gómez Tadín, ao que presentou varias preguntas verbais como concelleira sobre este caso e ao que acusa de actitude "cómplice ante unha situación que coñece perfectamente". 

Javier Santín asegura que "estirei a corda o máximo posible" antes de denunciar o caso ante a Valadora do Pobo. O 30 de xaneiro de 2019 presentou unha reclamación por escrito ante a agrupación de Protección Civil cervántega e, como portavoz do Partido Popular, presentou rogos ao pleno da corporación en sete ocasións, "nas que o alcalde botou balóns fóra". Tamén lle trasladou verbalmente a Gómez Tadín que solucionase a situación. A última advertencia produciuse o 15 de outubro, cando lle comunicou ao rexedor que, ante a falta de resposta á súa admisión, realizaría "reclamacións máis serias". Antes de acudir á Valedora, tamén presentou un escrito ante a Dirección Xeral de Urxencias e Interior.

ALCALDÍA. Benigno Gómez Tadín aclarou que, como mandatario municipal, ten capacidade de esixir responsabilidades á agrupación de Protección Civil sobre o seu labor en operativos, "pero non estou leximitado para intervir na actividade dunha asociación que ten os seus propios estatutos e procedementos". 

Gómez Tadín recalcou que a admisión de voluntarios de Protección Civil "é competencia da xunta directiva da agrupación, dacordo coas normas que a rixen, e non da alcaldía". Por esta razón mantense á marxe desta polémica.

Desde a agrupación de Protección Civil recordan que a solicitude de ingreso de doce persoas, hai dous anos, foi rexeitada por erros na súa tramitación. "Naquel entón aprobamos a incorporación de varios voluntarios, pero outros quedaron fóra por defectos na petición". Algúns destes solicitantes solicitaron a súa inscrición en cursos da Academia Galega de Seguridade sen ser voluntarios de Protección Civil, "polo que non foron admitidos, e a propia entidade considera que esta falsidade documental debe considerarse un demérito para a súa incorporación a unha agrupación". 

Protección Civil conta na actualidade cunha vintena de voluntarios "e só tramitamos altas cando hai que cubrir baixas. A frecuencia dos operativos non xustifica contar con máis persoal, xa que non teríamos fondos para pagarlles os traxes e o seguro", manifestan os seus responsables.

Comentarios