A troita curada protagoniza o 'Saborea a túa provincia' na xornada da Fonsagrada

Puxéronse en valor outros produtos con recoñecemento de calidade da zona como os embutidos, o mel ou o pastel típico da vila
undefined
photo_camera Pablo Vila preparando un dos pratos da demostración culinaria. XESÚS PONTE

O programa itinerante Saborea a túa provincia, impulsado pola Deputación de Lugo, fixo onte a súa parada na Fonsagrada, onde o produto protagonista foi nesta ocasión a troita.

Houbo unha demostración culinaria a cargo de Pablo Vila Cano, do restaurante Oca, na que se empregaron os alimentos máis característicos da zona. O menú consistiu en troita curada, brioche e ali oli de escabeche, sopa de mel e vainilla, biscoito de limón e migas de chocolate. Ao remate os asistentes tiveron a oportunidade de xulgar eles mesmos os resultados e saborearon estes pratos. Realizouse tamén un obradoiro de cociña infantil no que os nenos e nenas participantes realizaron as súas propias elaboracións seguindo as indicacións dos cociñeiros.

Houbo unha demostración culinaria a cargo de Pablo Vila Cano, espectáculos de maxia e música e un programa divulgativo

Nesta xornada puxéronse en valor os alimentos de calidade elaborados por produtores da Fonsagrada, como os embutidos - especialmente o butelo -, a carne de vacún de crianza ecolóxica, o mel moi valorado pola súa cor e sabor, a cervexa de elaboración tradicional ou o pastel da Fonsagrada, coa améndoa e a crema pasteleira como ingredientes principais.

Da parte máis divulgativa encargouse Verónica Marcos, presidenta de Fademur e secretaria de igualdade de Unións Agrarias, que falou da posición das mulleres no rural e no sector agroalimentario e destacou a importancia de consumir produtos de proximidade.

A pesar das altas temperaturas a xornada foi animada, e houbo espectáculos de maxia e música. O Mago Rafa, a asociación local Antaruxas e Sorteiros e o grupo Atlántica dinamizaron coas súas actuacións esta xornada gastronómica e lúdica, que buscou poñer en valor a calidade e variedade dos produtos locais.

Comentarios