sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

O tradicional aro da Fonsagrada inspira unha nova colección de xoias da artesá Carla Alfaia

Carla Alfaia no seu taller e detalle dun dos aros da súa nova colección. DIANA FAJARDO
Carla Alfaia no seu taller e detalle dun dos aros da súa nova colección. DIANA FAJARDO
Estes pendentes eran un agasallo para as nais polo nacemento do seu primeiro fillo

A artesá Carla Alfaia adoita trasladarse o día de San Froilán desde o seu taller da Coruña ata Lugo para expoñer e vender as pezas de ourivaría que ela mesma deseña e fabrica. Nunha desas ocasións, un grupo de mulleres da Fonsagrada reparou na forma dun dos seus pendentes e contáronlle como esas xoias eran habituais en moitas casas da comarca, xa que eran as que se adoitaban regalar ás nais co nacemento do seu primeiro fillo.

"Foi a chegada da pandemia e o nacemento do meu fillo o que me inspirou para crear esta nova colección, coa que pretendo facer unha homenaxe a unha xoia que moitas mulleres da Montaña utilizaban dun xeito cotián e que aínda hoxe atópanse gardadas en moitas casas da comarca", explica a artesá.

Segundo sinala, a figura básica desta peza é a dun círculo cun oito en filigrana no seu interior, "o que estou a facer agora é desenvolver unha colección na que ademais de pendentes se inclúan tamén aneis, pulseiras ou colgantes, todo inspirado no tradicional aro".

Carla Alfaia, que para este traballo tamén se documentou no libro A ourivería tradicional en Galicia de Fernado Martínez Vilanova, realiza todas as súas pezas en prata e totalmente a man, "polo que non hai dúas exactamente iguais".

Con esta nova colección aspira, en certa medida, a dar a coñecer parte desa ourivería tradicional pero sobre todo contribuír a que non se perda toda a historia que hai detrás desta xoia e do que supoñía este agasallo, "un recoñecemento a aquelas mulleres que co nacemento do seu primeiro fillo iniciaban un ciclo vital totalmente novo e diferente".

O tradicional aro da Fonsagrada inspira unha nova colección de...
comentarios