O taller Comarca de Ancares mellorará espazos públicos en catro concellos

Impúlsano Cervantes, Navia, Pedrafita e Triacastela con apoio da Xunta e hai 20 alumnos

Reunión de Balseiro con políticos y beneficiarios del taller. EP
photo_camera Reunión de Balseiro con políticos y beneficiarios del taller. EP

O taller autonómico Comarca de Ancares III posibilitará a mellora de edificios e outros espazos públicos nos concellos de Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Triacastela. Esta iniciativa está financiada pola Consellería de Economía cunha axuda de 288.800 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou este martes en San Román ás 20 persoas beneficiarias, que recibirán formación nas especialidades de operacións de formigón, operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e operacións auxiliares de albanelería, fábricas e cubertas. Este taller de emprego conta tamén cun director, un administrador e dous monitores, e terá unha duración de nove meses, ata finais de xullo de 2019.

Balseiro apuntou que os alumnos recibirán ao seu termo un certificado oficial de profesionalidade que os habilitará para exercer o oficio aprendido en todo o territorio estatal.

Segundo destacou, os talleres cumpren a dobre función de mellorar as perspectivas laborais dos participantes e, ao mesmo tempo, realizar obras e servizos de interese xeral nos municipios que os acollen.

OBRAS PROXECTADAS. Sobre as obras que se executarán nestes nove meses, desde a delegación territorial da Xunta precisaron que en Cervantes traballarase no edificio de servizos múltiples, situado na capitalidade, en San Román.

En Pedrafita do Cebreiro, realizaranse actuacións de carpintería nas instalacións do colexio de Zanfoga e rehabilitaranse as fontes de Vilanova e Modreiro.

Polo que se refire a Navia de Suarna, o alumnado procederá a restaurar as fontes de Embernallas, Paradelas e Mera.

Para rematar, en Triacastela acometeranse labores de limpeza e reposición do peche dun camiño emprazado no núcleo de Pasantes ademais de actuar no muro de peche da escola da aldea de Vilán.

FOMENTO DO EMPREGO. O delegado da Xunta de Galicia destacou a importancia destas iniciativas "que son unha medida de fomento do emprego, que proporcionan formación e experiencia laboral ás persoas desempregadas para que poidan reorientar a súa traxectoria profesional cara a especialidades con maior demanda no mercado de traballo".

Na provincia lucense están actualmente en marcha unha vintena de talleres autonómicos de emprego, dous dos cales están dirixidos a menores de 30 anos (nos municipios de Lugo e Ribadeo).

Desde a Administración galega precisan que en total estas iniciativas involucran a medio centenar de municipios, suman máis de 470 postos de emprego e supoñen un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros.

Comentarios