A serra dos Ancares agardábaos

ACENOS ▶De Hungría, Nova Iorque, Irlanda, Moscú, Holanda... son varios os extranxeiros que asentaron na comarca ancaresa o seu proxecto de vida comprometidos coa cultura e o coidado do territorio que os acolleu cos brazos abertos.
Lindsay, de Nova York, e Kieran, de Irlanda, son algúns dos estranxeiros que asentaron na comarca ancaresa no último ano. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Lindsay, de Nova Iorque, e Kieran, de Irlanda, son algúns dos estranxeiros que asentaron na comarca ancaresa no último ano. VICTORIA RODRÍGUEZ

NINGÚN DELES sabe explicar exactamente que foi o que os trouxo até aquí dende outros lugares do mundo. Lindsay e Kieran viñeron hai máis dun ano dende o Reino Unido, anque el é irlandés e ela neoiorquina. Pascal é de Holanda e chegou en setembro. Alisa e Pavel partiron hai nove meses de Moscú. Balázs aínda ten memoria recente de cruzar Europa dende Hungría. Algúns deles xa se coñecen, e outros acabarano facendo, pois todos son xa veciños de distintas aldeas dos Ancares.

A falta de palabras que comparten para explicar a súa viaxe non ten que ver coa diferenza do idioma, nin é, no fondo, falta ningunha. Máis ben fala dunha certeza, unha certeza que puidera asemellarse ás das aves que recorren milleiros de quilómetros para facer o seu niño nese lugar exacto que só se sabe pronunciar corpo adentro.

"Cando cheguei, meu corazón xa estaba aquí", di Pascal Elzinga, o único habitante de Orbán, ese lugar situado no alto do "Teso dos Lobos" -pronuncia, con acento extranxeiro-, no municipio de Cervantes. Dende alí traballa a distancia como xestor técnico dunha multinacional asentada en 30 países, e tamén na rehabilitación da súa casa ancaresa e, aos poucos, das súas construcións anexas: o hórreo tradicional e o que nalgún momento foron cabanas e cortes. Tamén agarda os permisos necesarios para poñer en marcha un proxecto de permacultura nos terreos da casa. Nun futuro, gustaríalle acoller persoas interesadas na serra, "poucas e especiais", matiza. Pouco a pouco, di, quen pensa pasar en Orbán "o resto da miña vida".

"Queres saber a versión longa?", pregunta. Velaquí: a súa relación con Galicia comezou hai anos en Manzaneda, onde foi facer un curso de crecemento persoal. Ata alí quixo volver en coche, dende Holanda, tempo despois. A entrada en Galicia, entre Os Ancares e O Courel, sobrecolleuno despois de tantos quilómetros. Pensou que en toda Europa non habería un lugar así. Despois, perdeuse. Na Proba de Trives, o único que sabía pronunciar era Manzaneda. "Só con esa palabra na boca as persoas axudáronme dun modo que tamén me sobrecolleu", conta. Dende entón, volveu a Galicia sempre que puido e foille medrando a idea de vivir aquí. A Ribeira Sacra era a súa primeira opción, pero un día viu unhas fotografías "horribles" en internet, que anunciaban a casa onde hoxe conta esta versión longa da historia. Algo había nelas que tampouco se pode dicir. O final, que é o comezo, xa o coñecemos.

O que non se sabe é por donde chegou Pascal a Orbán, se por Drada, onde ten os seus veciños máis cercanos, cos que xa pasou o Nadal, ou por Vilartatín, por esa pista sen asfaltar que "fai que a xente se espante e non chegue até aquí", bromea. Pero, do mesmo xeito que se rendeu a esa intimidade que ofrecen ás serras ao lonxe, recoñece que aquí, solo en Orbán, é "máis sociable do que en Holanda, un país onde non é posible pasar máis de medio minuto sen cruzarse con alguén". Estes días acompáñano dous voluntarios da rede internacional work away, un de Venezuela e outro do Reino Unido.

BOTAR RAÍCES. Lindsay e Kieran viaxaron moito antes de botar raíces nunha aldea dos Ancares. Tamén durante anos cuestionaron o ritmo de vida que os facía sentir atrapados nesa roda que espanta o tempo coa súa velocidade. "Non é sostible vivir nunha grande cidade", indica Lindsay.

A Galicia viñeron por primeira vez visitar uns amigos en Friol. Preguntábanse, daquela, que montañas eran esas que se vían de lonxe. En 2017 volveron de viaxe en autocaravana coa idea de buscar un lugar onde asentarse, de parar esa roda nalgún punto. Decidiron achegarse máis a ese cordal que conforman os Tres Bispos.

Lindsay é soldadora. Kieran, ourive. Nos 16 meses como veciños de Os Ancares rehabilitaron a casa onde viven. Agora están en plenas obras para facer das antigas cabalerías un obradoiro que terá catro partes: carpintería metálica, forxa, soldadura e fabricación de maquinaria industrial. Entre unha e outra, a serra asomará por grandes xanelas. Kieran fai un xesto certeiro para explicalo. As ventás non son tanto para mirar a serra senón para deixarlle entrar. "O que fas, aquí, perméase dese contacto", indica. A rehabilitación, respectuosa, aínda quere selo máis coa outra casa que compraron. Lindsay explica que ten trescentos anos, que é moi boa construción e ensina a precisión coa que se abren nela as xanelas ou a pedra de afiar na esquina dos muros. Queren aprender a mirada dos veciños, e teñen moito que ensinar da súa. "Para nós é básico ter internet, e tamén boa comunicación. Con iso podemos vivir aquí, moito mellor que nunha cidade", engade Linsay.

O seu desexo é coidar este lugar. Por iso, non tarda en pasar a eles o turno das preguntas. "E que pensades vós de que vivamos aquí?", di Lindsay. "Miña familia vén dunha terra de moita emigración, sei que iso rompeu o corazón de moita xente, tamén aquí", indica Kieran.

O TEMPO DAS ÁRBORES. De todos os extranxeiros que xa viven nesta zona, talvez sexa Balázs Czéh o que mellor coñecía o camiño dende Hungría. Seu compañeiro, Pedro Álvarez, montou na aldea naviega de Barcia o primeiro coworking rural de Galicia, unha idea á que o levou a súa decisión de exercer o seu traballo como deseñador industrial na casa familiar materna, a Casa Quiñones. Balázs complementará este proyecto co coidado do territorio, trasladando a esta zona dos Ancares o seu coñecemento como pastor e permacultor na súa terra natal, nas colinas de Szent Mihály Hegy.

É tradición na súa terra agasallar aos visitantes. Neste caso, o agasallo aínda ten o seu sabor: doces elaborados con froiteiras da súa horta na zona de Somogy, na fronteira con Croacia, froiteiras de variedades autóctonas que el axudou a recuperar. No último ano, plantou 200 árbores.

A recuperación da terra vai parella á da memoria sobre as especies coas que traballa. "Trátase de salvar a fenda xeracional neste coñecemento e coidado da terra. Traballamos moito coa comunidade, polo que o traballo ten unha dimensión social moi importante. Xa hai nenos de alí que vimos crecer con este proxecto", engade. Chama a atención comprobar como a despoboación, como principal problema, castiga tanto o rural galego como o húngaro. Pedro advirte, sen embargo, de non sermos compracentes na conclusión. "É un problema político, de falta de estratexia do valor que temos e do que queremos para nós. Cómpre que as institucións e os gobernos asuman esa pregunta: que queremos para nós?", afirma.

En Barcia, Balázs prepara os terreos para a primavera que vén, aterrando logo dunha viaxe aínda recente, na que trouxo consigo o seu cabalo, unha cadela e dúas ovellas. É curioso, pero todos trouxeron animais consigo. O gato de Kieren e Lindsay está feliz por fin de vivir nos Ancares, ou as cadelas de Pascal, da raza autóctona da Serra da Estrela. Tamén Alisa Smirnova e Pavel Yakusev, un matrimonio de artistas orixinario de Moscú que dende finais do ano pasado está asentado en Louxas, no límite entre A Fonsagrada e Navia de Suarna.

DEIXARSE MODELAR. "Foi unha intuición", di Pavel, para referirse a aquilo que sentiu cando cruzou, hai un ano, o norte da Península e chegou aos Ancares. Alisa acompañouno na seguinte viaxe, xa para buscar o seu niño. "Escollemos o camiño difícil", engade, consciente das trabas para, por exemplo, atopar unha casa nunha zona onde a propiedade está dividida en numerosos herdeiros. Sen embargo, deron co sitio certo para o que consideran a primeira toma de contacto.

Pavel traballa con metal, en escultura. Alisa é pintora. Agora mesmo están inmersos en proxectos conxuntos de street art en Navia, e en colaboración coa asociación Irmandade Naviega, e a súa arte xa se deixou transformar polo lugar onde viven. Din sentirse moi queridos pola acollida que lles brindaron veciños como Lucía Fernández, da asociación, ou Oliver Laxe, entre outros.

A crise sanitaria mudou os seus plans. Agora mesmo, por exemplo, terían unha exposición en La Ferretería, en Lugo. Por outro lado, a situación reforzou a certeza de que o seu lugar está aquí, e de que todo chegará.

A súa casa ábrese á serra. Dende ela ven eses pequenos cambios do que permanece e as formas da montaña "coma un océano, verdade?", di Alisa. E coma un mar que chega ata eles, por ela queren deixarse modelar, moldear, facendo tamén da súa vida unha obra de arte.


A casa propia. Arquitectura popular

Reportaje turistas Os Ancares (1)

Lindsay e Kieran admiran a arquitectura tradicional da súa casa ancaresa, aínda por rehabilitar para acondicionar un sitio onde recibir as visitas de amigos e familiares. Agora preparan o seu obradoiro de traballo en metal e xoiería. Cando o teñan listo, a súa idea é colaborar en proxectos na comarca.


O estudo. Un lugar para crear

Reportaje turistas Os Ancares (2)

A parella de artistas rusos Alisa e Pavel teñen o seu estudo artístico na súa casa en Navia de Suarna. O seu traballo xa se deixou contaxiar das formas e ritmos dos Ancares, ela no pincel e el no metal, e están espallando pola zona o seu street art en colaboración cos veciños.


Un veciño máis. No Teso dos Lobos

Reportaje turistas Os Ancares (3)

Casimiro, Amelia, José... Pascal fala dos nomes dos seus veciños coma se os coñecese de toda a vida. Tamén dos microtopónimos, fascinado de que todo teña un nome. A súa vida agarda pasala xa no Teso dos Lobos.


Casa Quiñones. A memoria

Reportaje turistas Os Ancares (4)

Balázs fala das dificultades coas que os proxectos de recuperación de memoria e biodiversidade comezan, pero tamén da satisfacción de velos medrar. A Casa Quiñones será o lugar onde comparta moito do seu saber, dende esquilmar as ovellas e traballar coa lá até recuperar variedades autóctonas.

Comentarios