A seca chega á montaña de Lugo: Becerreá chama ao consumo racional de auga

O seu alcalde asegura que non existen graves problemas co abastecemento de auga pero que son necesarias restricións para evitar que o asunto vaia a máis
Manuel Martínez Núñez. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Manuel Martínez Núñez. VICTORIA RODRÍGUEZ

A seca chega á montaña de Lugo. Así, o Concello de Becerreá enviou un bando a todas as parroquias e núcleos de poboación no que se recomenda un uso responsable e "racional" da auga. 

O alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, explicou búscase un "consumo racional, que se evite o baldeo e a rega de hortas", entre outros consellos. "Son recomendacións mínimas que permitirán que os veciños non teñan ningún problema coa auga", proclamou. 

Martínez apuntou que "as traídas de auga e as captacións baixaron moitísimo, e máis da metade das fontes están cun caudal mínimo". "No Concello de Becerreá non existen graves problemas de  abastecemento de auga", garantiu. 

O alcalde de Becerreá confirmou que "a capitalidade do municipio están ben, sen ningún problema". "No resto de pobos estamos a abastecer a unha casa no núcleo de Neira de Rei, tirando cara ao Cádavo", apunta. "Agora tamén se está mirando un depósito, que chamaron este martes que quedaron sen auga, co cal ou secou a fonte ou o consumo é maior. Liquidarase no día de hoxe", agrega. 

Aínda que non hai "problemas" coa subministración, aplícanse restricións. "Enviamos un bando a todas as parroquias e núcleos de poboación para que o consumo sexa racional e dedicado a temas importantes. No bando aconséllase que se evite o baldeo, o regar as hortas. Son consellos mínimos que permitirán que os veciños de Becerreá non teñan ningún problema coa auga", sentenciou Martínez. 

Continúa a lista de municipios afectados pola seca na provincia de Lugo, coa comarca sur como a zona con máis problemas, xa que se aplican restricións en Pantón, Taboada ou Ribas do Sil, entre outros concellos. 
 

Comentarios