Senra e Vázquez Verao reclaman un plan integral para o desenvolvemento das zonas de montaña

Analizar as prioridades de traballo para o primeiro semestre de 2019 con compañeiros de En Marea

Lidia Senra e Paula Vázquez Verao, en Becerreá. TWITTER
photo_camera Lidia Senra e Paula Vázquez Verao, en Becerreá. TWITTER

A eurodeputada Lidia Senra e a deputada galega de En Marea Paula Vázquez Verao visitaron a feira de Becerreá co obxectivo de reunirse con compañeiros da montaña lucense e analizar as prioridades de traballo para o primeiro semestre de 2019.

Neste sentido, Senra e Verao consideraron necesario que as Administracións públicas poñan en marcha canto antes un plan integral para o desenvolvemento das zonas de montaña galegas, dotado con "capacidade orzamentaria suficiente para blindar" todos os servizos sociais públicos.

Neste sentido, as dúas deputadas comprometéronse a presentar nos próximos días iniciativas tanto no Parlamento Europeo como no galego para reclamar que se atendan as necesidades destas zonas e dos seus habitantes, se preserve o patrimonio e se apoie a agroecoloxía e o ordenamento forestal. "Urxe aplicar políticas que permitan manter unhas montañas vivas", dixo Senra, que considera "fundamental" levar a cabo "un maior e correcto desenvolvemento da Lei de Dependencia", e "imprescindible" a apertura de Centros de Día en todos os concellos, así como un "maior apoio público para o coidado dos maiores".

As zonas de montaña galegas, indicou Verao, "vense moi afectadas pola falta de servizos de atención á Dependencia, debido ao seu envellecemento e escaseza de poboación", así como polas súas "menores facilidades para a comunicación", polo que reclamou un aumento do Servizo de Axuda no Fogar.

A deputada de En Marea reclamou que se "blinden os servizos sociosanitarios" nas zonas de montaña, "garantindo prazas suficientes nos Centros de Día" e "introducindo en todo o territorio galego a figura do profesional de Traballo Social nos Centros de Saúde", para a atención de problemas sociosanitarios que se agravan co envellecemento.

"As residencias previstas pola Deputación non van resolver toda a demanda de servizos e é preciso un entendemento entre Administracións para que o seu funcionamento sexa satisfactorio e sostido no tempo", explicou Paula Vázquez.

Pola súa banda, Lídia Senra tamén fixo énfase en que é "fundamental" incluír as necesidades da montaña nos plans estratéxicos da PAC e incidiu na necesidade de preservar o patrimonio cultural e a biodiversidade que hai nas montañas, o que pasaría por un "apoio decidido" ao desenvolvemento dunha agricultura e gandaría en base á agroecoloxía.

Comentarios