Rente ao Couce recupera esta fin de semana a romaría de San Lourenzo na Pena do Pico

Rente ao Couce recupera esta fin de semana a secular romaría de San Lourenzo na Pena do Pico, en Becerreá. A festa celebrouse dende o século XVI ata fai algo menos de dúas décadas. Agora reanudan o encontro adaptando a programación aos tempos.
Unha das últimas edicións da festa, no ano 2005. VILLARABID
photo_camera Unha das últimas edicións da festa, no ano 2005. VILLARABID

ALGÚNS VECIÑOS de Becerreá aínda recordan cando se celebraba na Pena do Pico a romaría de San Lourenzo. As últimas edicións organizounas un grupo de radioafeccionados de Lugo, e até algún do Bierzo, que a finais dos 80 instalaron unha antena no cumio de máis sona do municipio. Os máis maiores lembran incluso cando, antes diso, a festa se celebraba na pequena capela de Santa María do San Lourenzo de Penamaior, construída no século XII nas abas da serra coroada pola Pena do Pico.

Sábese pola prensa que acudían persoas dos concellos limítrofes, sobre todo do desaparecido Neira de Xusá, agora Baralla. Había misa na honra do santo, banda de música e un xantar campestre. Grazas a Rente ao Couce, despois de case dúas décadas, volverá haber festa na Pena do Pico.

Xabier Moure, do colectivo Patrimonio dos Ancares, documentou a evolución histórica da celebración e foi a través del como os integrantes de Rente ao Couce a coñeceron. María Osorio, participante activa do proxecto, comenta que o sitio é "moi especial para todos, e cando soubemos da romaría pareceunos interesante recuperala de cara a este verán". As dúas entidades cooperaron para a recuperación da festa. Rente ao Couce traballou na parte organizativa e Moure no labor documental.

Dende Rente ao Couce defenden a importancia da actividade asociativa local, que dinamiza os pobos e contribúe a fixar poboación

Inazio Abrao, tesoureiro de Rente ao Couce, sinala satisfeito que "aínda que é complicado, ao compartir o traballo con xente que o disfruta e o entende como unha tradición que hai que conservar, dá gusto facelo", e sentencia ilusionado que no grupo "hai moito motor". Dende a asociación becerrense precisan que a importancia deste tipo de iniciativas está en que fomentan o dinamismo dos pobos, impulsan a actividade social e económica local e contribúen a fixar poboación. Abrao explica que a Serra do Pico vertebra a comarca e do mesmo xeito os eventos coma este vertebran socialmente o territorio.

Na parte histórica, Xabier Moure sinala a importancia que chegou a ter a celebración para o pobo de Becerreá. Segundo o historiador queda demostrado na dobre advocación do mosteiro, da que moi poucas freguesías en Galicia son portadoras: "a primeira, Santa María, está relacionada co mosteiro cistercense da serra. O San Lourenzo é posterior e demostra a importancia que tiña o santo para os veciños".

Moure accedeu aos documentos históricos que rexistran os primeiros actos en hora de San Lourenzo, datados no ano 1562, que proban a secularidade da romaxe. Ademais rexistrou evidencias de que polo mosteiro de San Lourenzo pasaba un desvío do Camiño de Santiago, e de varias lendas relacionadas co lugar que exporá nunha charla o día da romaría na Pena do Pico.

Na organización e recuperación de eventos históricos Rente ao Couce xa ten percorrido. O pasado mes de decembro rescataron a Feira do 12 de Becerreá, que foi un éxito en afluencia e crítica "sobre todo para o duro da época. Ten un punto extra que as cousas vaian saíndo", comenta Osorio. Abrao aclara que pretendían ofrecer un espazo aos produtores e artesáns da zona para desenvolver a súa actividade. Agora traballan para dárlle continuidade á feira para que permita o mercado local e de temporada regular, e, por suposto, nos últimos preparatorios da romaría do San Lourenzo.

Programación | As propostas do día da festa
O programa proposto para o sábado pola asociación Rente ao Couce é moi variado e interdisciplinar. Inclúe actividades para todos os gustos e idades e ademais conserva a esencia da romaría do San Lourenzo.

APERTURA DA XORNADA. A xornada festiva inaugúrase ás once da mañá coa subida colectiva á Pena do Pico, que se poderá realizar a pé ou en bicicleta. A charanga Louband encargaráse da sesión vermú, e despois manterán a tradicional comida campestre que se realizaba pola festa do San Lourenzo. Coma nas últimas edicións, haberá pulpeira.

PLAN DE TARDE. Despois do xantar, ás cinco da tarde, Xabier Moure fará un repaso pola historia e tradición da romaría nunha conferencia na que falará das orixes e características do mosteiro de Penamaior que acolleu as primeiras edicións da romería e peculiaridades relacionadas coa tradición da Serra do Pico. Seguirao Moncho Barreiro, avogado do Sindicato Labrego Galego, que tratará o tema da ameaza eólica á Pena do Pico.

Ás sete da tarde Lila Teatro representará a súa obra Rara Avis. Dúas actuaciós musicais pecharán o día de festa. Ás oito e media están programados os concertos de Andrea Puchi, artista local, e a banda Trilitrate, que combina música acústica con videocreación en tempo real. Cun pouco de sorte a ampla cúpula celeste da Pena do Pico permitirá contemplar as bágoas de San Lourenzo.

Comentarios