A Ruta dos Lobos reunirá este sábado na Fonsagrada uns 250 ciclistas

Haberá dous percorridos, de 52 e 32 quilómetros, e pasarase por zonas como a Seimeira de Vilagocende e a serra de Muradal
photo_camera Presentación da Ruta dos Lobos. EP

A Fonsagrada converterase este sábado, día 17, na capital do ciclismo de montaña ao reunir na Ruta dos Lobos uns 250 afeccionados á bici, chegados de distintos puntos de Galicia e doutras comunidades. A proba contará con dous itinerarios, de 52 e 32 quilómetros, e, ademais, haberá actividades lúdicas paralelas para os participantes e os seus acompañantes.

Representantes de Concello e Deputación, que apoia esta proposta, presentaron este mércores no Pazo de San Marcos da capital lucense a oitava edición desta ruta. Participaron a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o deputado de Deportes, Artesanía, Deseño e Memoria Histórica, Efrén Castro Caloto; o alcalde fonsagradino, Carlos López López, e o técnico municipal de Deportes, Enrique Fernández Carrín.

Segundo explicaron, a Ruta dos Lobos comezará ás 11.00 horas e incluirá dous percorridos. O de 52 quilómetros terá un desnivel positivo acumulado de 1.900 metros e o de 32, de 1.200. O trazado da ruta longa modificouse nun 50 por cento e incluirá un tramo que atravesa o Camiño Primitivo pola Proba de Burón. Tamén se pasará pola Seimeira de Vilagocende, a serra de Muradal e o antigo hospital de Montouto.

Haberá avituallamentos, área de lavado de bicis no campo da feira, zonas de duchas e unha cea para os interesados en degustar un menú típico da Fonsagrada. De forma paralela á proba organizarase unha visita guiada ao hospital de Montouto e unha ruta de sendeirismo.

Pilar García Porto resalta que probas deportivas como esta contribúen á promoción do territorio e do turismo

Na presentación da proba, García Porto destacou o "compromiso" da Deputación de colaborar "cos 67 municipios da provincia, sobre todo cos máis pequenos, para sacar adiante todo tipo de iniciativas que favorezan o seu progreso social e económico. Este é o obxectivo que nos motivou a apoiar esta Ruta dos Lobos da Fonsagrada coa súa promoción e proxección".

A deputada de Turismo tamén recoñeceu "o papel do alcalde e do seu goberno" ao impulsar propostas como esta: "É fundamental o que estades facendo na Fonsagrada para que este sexa un lugar vivo, dinámico e con iniciativas pensadas para todas as idades”. Engadiu que "o deporte é un aliado excelente da promoción do territorio e do turismo, un reclamo que atrae visitantes á zona e que, polo tanto, axuda a fomentar a actividade da hostalería, do turismo e do comercio local”. 

Efrén Castro fixo fincapé na "singularidade da ruta, que conseguiu diferenciarse nun calendario moi amplo e variado de probas", e valorou "o traballo da organización na elección do trazado, que permite descubrir lugares que nos sorprenden incluso ás persoas da provincia, e na preparación e coidados das pistas e sendeiros polos que pasa".

Comentarios