Unha residencia de maiores con alameda e horarios exclusivos para pasear

Os usuarios do centro de maiores fonsagradino terán o parque pechado para eles cando queiran saír
Primer paseo de los usuarios por la alameda. EP
photo_camera Primeiro paseo dos usuarios pola alameda. EP

O mércores pola tarde, por primeira vez logo dun mes e medio, os maiores que viven no Residencial Rois deron un paseo pola alameda da Fonsagrada, que está moi próxima ás instalacións. Toda unha alegría para eles e para os veciños, que despois de que o municipio estivese en alerta por covid, celebraron ese momento.

O Concello e a Deputación chegaron a un acordo para levar a cabo con seguridade este xesto tan sinxelo e que, con todo, serve para mellorar a calidade de vida destas persoas para quen os confinamentos resultan moito máis estritos e máis duros, tamén emocionalmente, como indicou o deputado de promoción económica e social, Pablo Rivera Capón.

O sol de novembro axudou a dar este paso e a sacar máis partido a un espazo que foi reformado hai pouco. "As obras na alameda pasaron crear un parque biosaudable, con oito máquinas para facer exercicio. Estes días, como foron moi bos, o técnico de deportes municipal estivo de 16.00 a 18.00 amosando como se utilizan estas máquinas. E os maiores tamén quixeron probar", indicou o alcalde, o socialista Carlos López.

A Deputación e o Concello chegaron a un acordo para aliviar as duras restricións e o seu impacto emocional nos maiores

Deste xeito, a dirección do centro puxo en marcha esta iniciativa, para que os maiores puidesen gozar deste espazo durante unha franxa horaria determinada sen que se produzan contactos con persoas alleas ao centro. Os maiores continuarán realizando estas saídas, sempre acompañados polo persoal profesional do centro.

"A residencia da Fonsagrada está pensada para que os maiores convivan coa veciñanza, por iso está situada no centro, pero co covid os contactos víronse limitados para protexer aos maiores. Noutras residencias os usuarios teñen un amplo espazo para saír no propio recinto", manifestou Pablo Rivera.

Comentarios