
Que na comarca da Montaña existen zonas de sombra no que a urxencias se refire é algo que queda ao descuberto cada vez que hai un incendio ou un accidente nos que os tempos de resposta son fundamentais, como o do martes. Por fortuna, o camioneiro que conducía o vehículo pesado que ese día envorcou en Padrón, a un quilómetro da Fonsagrada, continúa en observación no Hula sen que se lle detectasen lesións graves. A exarcelación deste home, de 54 anos e residencia en Asturias, prolongouse durante máis de tres horas tensión, coa intervención dos bombeiros de Sarria, efectivos de Protección Civil e traballadores do Concello da Fonsagrada.
O problema reside en que, aínda que estes dous últimos corpos se presentaron no lugar do accidente desde o primeiro momento, os bombeiros de Sarria, os únicos autorizados a realizar a excarceración, tardaron máis dunha hora en chegar, o tempo que corresponde á duración do traxecto entre o parque comarcal e o punto da LU-530 onde se produciu o sinistro. Nese lapso non houbo no lugar servizo que puidese liberar o condutor atrapado, rescate que neste caso demorouse unha hora e media máis pola súa complexidade.
UNHA LONGA ESPERA. O debate sobre os servizos de emerxencia na zona desatouse hai sete anos, coa extinción do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Fonsagrada. En 2017, a Xunta anunciou a creación dun GES con sede en Baleira, pero nunca chegou a dotarse de medios técnicos e humanos.
Os bombeiros de Sarria, os únicos autorizados a realizar a excarceración, tardaron máis dunha hora en chegar
O Goberno galego indicou que o ámbito de actuación dese servizo ampliaríase, con respecto ao GES fonsagradino desaparecido, aos concellos de Pol e Castroverde, ademais dos da Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Baleira e Ribeira de Piquín. Estes últimos son os que sofren maioritariamente esa zona de sombra, que se estipula cando o tempo de resposta supera a media hora.
Sobre a demora na creación deste GES en Baleira, a Xunta respondeu este mércores que a adhesión do Concello baleirés non foi posible por problemas técnicos, e que en canto esta entidade local a formalice, incorporarase a nova sede. Tamén indicou que, en caso contrario, presentarase unha proposta alternativa en base á análise do mapa de sombras. Cinco anos logo do seu anuncio, xa que logo, non se avanzou ningunha xestión.
A polémica tamén sacudiu este mércores a política municipal. O portavoz popular, José Regueiro, afirmou que "as tres horas nas que se estenderon os traballos de excarceración demostran a necesidade do GES na Fonsagrada", e criticou a súa extinción "por unha decisión unilateral do anterior alcalde".
O rexedor actual, Carlos López, afeou ao portavoz popular "que aproveitase o que puido ser unha desgraza para facer política". En relación á sinistralidade da curva dunha estrada de titularidade autonómica —o mesmo punto rexistrou un accidente mortal hai anos dun camioneiro— manifestou que "non se poden botar as culpas a ninguén".
Con todo, López instou a Regueiro a preguntar aos "seus compañeiros de partido, que gobernan en Baleira, por que aínda non está posto en marcha ou GES". O rexedor confirmou solicitar hai seis meses a creación dun parque comarcal ao Consorcio Provincial de Bombeiros.