Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

A reforma do parque infantil de Becerreá terá un custo de 30.000 euros

Estado actual do parque infantil de Becerreá. EP
Estado actual do parque infantil de Becerreá. EP

Claudio Vázquez asegura que o actual está "obsoleto" e retirarase en dez "ou doce días"

Becerreá renovará o seu parque infantil. O municipio construirá, co financiamento do plan único da Deputación, unhas instalacións para nenos máis modernas que as actuais. As obras adxudicáronse recentemente á empresa Bricantel, terán un custo de 30.000 euros, e comezarán en pouco máis dunha semana.

O tenente de alcalde de Becerreá, Claudio Vázquez Pérez, recoñeceu que o mobiliario do actual parque está "obsoleto", polo que era necesario realizar unha actuación. "Somos conscientes de que o parque está obsoleto. Non é que estea mal, e que está obsoleto. Eliminaremos o areeiro, poñeremos un balacín novo, o piso de caucho continuo, tobogáns... Sabemos que as instalacións actuais non están ben, por iso facemos un novo", indicou.

Vázquez asegurou que o Concello "levaba un tempo" esperando a adxudicación do plan único para poder afrontar unha reforma que xa estaba prevista. "Estabamos esperando a que se confirmasen os orzamentos. Fai tempo que temos precontratado o parque infantil", comentou o tenente de alcalde.

O edil asegurou que as obras darán comezo nos próximos días, "vaise retirar o parque infantil actual. Acabamos de comunicar a adxudicación a unha empresa que se chama Bricantel. Estaba comprometida pero estabamos pendentes da confirmación. En dez ou doce días empezarán a retirar o parque actual, restaurarán ese e montarán o novo", afirmou Vázquez, que explicou que, unha vez finalicen os traballos de retirada das instalacións actuais, a posta en marcha da nova zona tardará "aproximadamente un mes".

Unha vez retirados os elementos situados na zona para nenos, os novos estarán activos no prazo aproximado dun mes

"Temos que sacar todos os aparellos. No momento no que comecemos a facer os traballos pecharemos o acceso á zona. Pero temos outro parque infantil no pobo, en Valgamarín, así que mentres duren as obras, os usuarios poderán ir ao outro", engadiu o tenente de alcalde.

QUEIXAS VECIÑAIS. O estado actual do parque infantil becerrego suscitou as queixas dalgúns veciños e visitantes ao municipio, como é o caso de Olaia Saizar, residente en Vitoria. "Non é unha cuestión de agora. O parque leva bastante tempo en mal estado, vano parcheando aos poucos pero está mal. Hai achas no tobogán, o chan todo roto e no cabaliño non hai nin onde agarrarse", indicou Saizar, que mensualmente visita Becerreá debido a que é a localidade natal da súa parella.

"Está ben que o vaian a remodelar. Pero creo que mentres non se procede á renovación, o parque debería pecharse. Non sei que indica exactamente a normativa, pero o que si sei é que traballo con nenos e creo que pode ser moi perigoso para eles, porque hai que utilizar as cousas con moito coidado, xa que en calquera momento poden facerse dano", afirmou.

A reforma do parque infantil de Becerreá terá un custo de 30.000 euros
Comentarios