Quítanlle o carné por conducir ebrio e perseguir outro coche de forma perigosa

Invadiu o carril de sentido contrario e un vehículo que circulaba correctamente tivo que frear para evitar un choque frontal

Un condutor queda sen carné por conducir bebido polo municipio de Cervantes e perseguir outro turismo durante varios quilómetros, obrigándoo a acelerar e a infrinxir as normas de circulación para evitar ser alcanzado. O home aceptou unha condena de 10 meses de cárcere, 1.080 euros de multa e seis anos de retirada do permiso de conducir, o que implica a perda de vixencia do mesmo.

O suceso produciuse o pasado 10 de abril. Ese día, sobre as sete da tarde, o acusado conducía o seu turismo pola localidade de Doiras. O condutor invadiu o carril de sentido contrario e un vehículo que circulaba correctamente tivo que frear para evitar un choque frontal. Non contento con iso, perseguiu velozmente ao outro condutor durante varios quilómetros, póndoo en perigo. Ademais, o acusado cruzou o seu turismo na calzada e obrigou ao outro condutor a frear de novo bruscamente. Acto seguido, baixouse e comezou a golpear os coches.

Finalmente, a Garda Civil deulle o alto e someteuno á proba de alcoholemia. O acusado, con iniciais M.L.L., arroxou un resultado de 1,00 miligramos de alcol por litro de aire expirado, catro veces máis do permitido.

O home foi condenado por condución temeraria e dous delitos contra a seguridade. Este martes recoñeceu os feitos ante a xuíza do Penal 1 e chegou a un acordo co fiscal.

Comentarios