PSOE e BNG acordan 38.000 euros de salario para o alcalde da Fonsagrada

Carlos López López cobrará 6.500 euros menos da cantidade que propuxo en xullo e o tenente de alcalde queda sen soldo
Los concejales fonsagradinos, en el pleno. TANIS
photo_camera Os concelleiros fonsagradinos, no pleno. TANIS

O acordo alcanzado entre o PSOE e a única edil do BNG facilitou este martes a aprobación dun soldo de 38.000 euros para o alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, pola súa dedicación.

A asignación salarial do rexedor foi un dos temas que máis interese espertou no pleno que se celebrou a última hora da tarde, sobre todo, despois do intento errado do pasado mes de xullo. Por aquel entón, a edil nacionalista, María Xosefa Ortiz, negouse a apoiar a proposta de retribuír con 42.500 euros ao rexedor —o máximo permitido en concellos de 1.000 a 5.000 habitantes— e outros 22.000 para a dedicación parcial do tenente de alcalde, José Ángel Fernández Carrín, por velas "esaxeradas".

Tras o acordo deste martes, o Concello fonsagradino queda cunha única dedicación exclusiva, a do seu rexedor, que incluso cobrará 6.500 euros menos do que percibía o seu antecesor no cargo.

María Xosefa Ortiz mostrouse satisfeita polo feito de que o alcalde poida ter un soldo por levar a cabo as súas funcións e xustificou a súa decisión de non facilitar unha dedicación parcial para o tenente de alcalde porque nas negociacións para apoiar o goberno dos socialistas ela estaba disposta a asumir ese cargo "sen ningún tipo de asignación".

PP e BNG ven necesario recuperar o GES, pero o PSOE abstívose porque quere para a localidade un parque de bombeiros

O PP votou en contra do soldo do rexedor. Os populares, cuxo portavoz é José Luís Regueiro, explicaron que ven "lóxico" que un rexedor cobre polo seu traballo, pero presentaron unha emenda —que non foi aprobada polos demais grupos— coa que pretendían vincular este salario cunha serie de condicións relacionadas coa transparencia na xestión diaria do Concello.

GES. Aínda que a asignación salarial foi un dos temas centrais do pleno, na sesión tamén se debateu unha proposta do PP de face a recuperar o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). A moción saíu adiante grazas ao apoio do BNG, mentres que o equipo de goberno abstívose na votación. Neste sentido, os socialistas pretendían a creación dun grupo para estudar a construción dun parque de bombeiros comarcal na localidade, "algo absolutamente necesario na montaña", argumentou o rexedor, Carlos López.

O BNG tamén sacou adiante, co apoio do PSOE e o voto en contra do PP, unha proposta para instar á Xunta a licitar a variante da Fonsagrada, contemplada no PXOM.

Comentarios