Presente e futuro na ribeira do Navia

O compromiso dos veciños de Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e A Fonsagrada coa viticultura sitúaos ás portas de conseguir un selo de calidade, que dá especial protagonismo aos caldos elaborados con uva branca lexítima
undefined
photo_camera Fermín Álvarez, xunto aos seus viñedos en Coea (Navia de Suarna). VITORIA RODRÍGUEZ

Hai case un século, a ribeira do río Navia lucía, ao seu paso Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e A Fonsagrada, unha paisaxe chea de viñedos que permitían o cultivo dunha variedade de uva excepcional en todo o mundo, a denominada branca lexítima. Por aqueles tempos, moitos veciños eran produtores e tiñan adega propia na súa casa, o que posibilitaba que gozasen de viño para o seu autoconsumo, ao mesmo tempo que obtiñan uns ingresos extra coa comercialización dos posibles excedentes.

Unha das claves que fan tan especiais os viños das Terras do Navia é un microclima, máis próximo ao mediterráneo que ao oceánico, que dá vida á variedade de uva branca lexítima que ofrece un maior potencial aromático e de frescura. No caso das viñas de Negueira, estas crecen nunha franxa de altitude que oscila entre os 220 e os 340 metros, coincidindo coa altura da Praza do Concello.

A IXP pode ser o empuxón que moitos mozos necesitan para animarse coa produción

Con todo, como en moitos outros casos, o despoboamento que sofre o medio rural desde hai décadas provocou que os cultivos quedasen abandonados, deixando a Navia e Negueira orfas de produtores. Esta situación levou a algúns veciños, fai xa máis de 20 anos, a comprometerse coa recuperación de parte da súa historia. Un dos pioneiros foi Manuel Cancio, natural de Negueira e actual alma máter de Adegas Panchín, que animado polo seu amigo José Mouriño Cuba decidiu que era o momento de devolver a este municipio o que, hai anos, era o seu selo de identidade. Tras el, outros como Fermín Álvarez, que posúe unha adega en Navia "por puro lecer, para pasar o tempo cos amigos", tamén entraron na produción e son os responsables de que os viños das Terras do Navia estean a piques de recibir a Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Actualmente, tras o visto e prace da Consellería do Medio Rural e a súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), os veciños están á espera da resposta da Unión Europea, que ten a última palabra.

Este recoñecemento é o selo de calidade que mellor pode avalar os viños de Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e A Fonsagrada. Ademais de exercer como escaparate para moitos compradores que non eran coñecedores da súa existencia, a IXP tamén pode ser o empuxón que moitos mozos necesitan para animarse coa produción, enchendo de vida pobos como o de Coea, en Navia, no que antigamente chegaron a cultivar máis de 90.000 quilos de uva nunha campaña.

Expectativas

"Coa IXP podemos chegar máis lonxe do que imaxinamos"

Manuel Cancio, tamén coñecido como Panchín, fixo as primeiras probas en 1995 para, posteriormente, decidir no 2001 que era o momento de embotellar o seu viño. Para o resto de produtores da zona, falar de Cancio significa falar da persoa que o empezou todo e serviu de inspiración. Un dos exemplos máis próximos é o de Adega Sidrón, empresa de tradición familiar que tamén se dedica de forma profesional ao sector desde o ano 2013.

Manuel Cancio recoñece que unha distribuidora americana tenteou a compra do seu negocio, "pero eu negueime, pois aquilo co que empecei cando ninguén me coñecía non se abandona". Actualmente, móstrase ilusionado coa adega: "Coa IXP podemos chegar máis lonxe do que imaxinamos". Adegas Panchín produce ao redor de 7.000 botellas como máximo ao ano, cifra que pretende duplicar coa chegada da IXP.

Reivindicación

"Vivimos nun sistema que che obriga a marchar á cidade"

Héctor e Jose Álvarez son dous irmáns de Coea que, xunto a Fermín Álvarez, encargáronse de devolver a tradición vitícola a este pobo naviego.

Como o resto de produtores, contan cunha gran tradición adegueira na súa familia que lles levou, fai un par de anos, a introducirse na produción de viño e de mel, de forma paralela. Ao falar do pasado de Coea, os irmáns recordan que "o pobo tiña unha gran tradición, todas as casas tiñan adegas e bombas de viño, a xente dedicábase a isto". Con todo, cando eran adolescentes víronse obrigados a renunciar a este estilo de vida. "Vivimos nun sistema que che obriga a marchar á cidade, non che ensinan a vivir aquí", declaran. Ven fundamental que a xente nova atope oportunidades no rural. "Temos que demostrar que hai máis cousas que madeira e casas abandonadas".

Comentarios