PP e BNG da Fonsagrada instan a abrir a residencia e o alcalde di que en xaneiro

O pleno foi unánime para pedir o arranxo da estrada de Navia e na defensa dos pacientes dos servizos de matrona e rehabilitación
Corporación de A Fonsagrada, en un pleno anterior. EP
photo_camera Corporación da Fonsagrada, nun pleno anterior. EP

O atraso na apertura da residencia de maiores centrou unha boa parte do debate no pleno ordinario que o Concello da Fonsagrada celebrou a última hora da tarde do martes. Tanto o Partido Popular, cuxo portavoz é José Luis Regueiro, como a única edil do BNG, María Xosefa Ortiz Nenoso, presentaron sendas mocións interesándose polo estado dos trámites para poñela en marcha. Aínda que ambas as propostas saíron adiante ao unir os seus votos populares e nacionalistas, o alcalde socialista, Carlos López, xustificou o sufraxio en contra do seu equipo de goberno polo feito de que a instalación xa ten data de apertura, "mediados de xaneiro", segundo confirmou tamén a este medio.

Pero a pesar da coincidencia de populares e nacionalistas á hora de apremar o goberno local con este asunto, o debate entre ambas as formacións resultou bronco. Un deses momentos máis tensos foi cando os populares afearon ao BNG que presentase unha moción relativa á residencia cando a súa apertura depende da Deputación, "precisamente, nunha institución onde vostedes comparten responsabilidades de goberno", espetoulle o portavoz popular á edil nacionalista.

Nenoso, pola súa banda, lamentou o ton "desagradable e alteradísimo" dos populares. En todo caso, iso non foi óbice para que a nacionalista atopase a unanimidade de toda a corporación á hora de aprobar unha moción de urxencia para pedir á Xunta que os veciños que teñan que acudir aos servizos de rehabilitación ou de matrona poidan facelo en Lugo e non ter que desprazarse a Becerreá, como na actualidade.

A cancelación dos consorcios de montes permiten actualizar a xestión de 700 hectáreas de terreos comunais

Pero este non foi o único acordo unánime da xornada, xa que os populares tamén lograron o apoio de todos os grupos á hora de instar á Deputación para que acometa a mellora integral da estrada LU-P-1901, que une A Fonsagrada e Navia de Suarna.

Outro dos puntos conflitivos foi unha modificación de crédito de 40.000 euros que se transvasan da partida de gasto social ao capítulo de obras. A proposta aprobouse grazas ao voto de calidade do alcalde, xa que os populares votaron en contra e o BNG abstívose. O equipo de goberno xustificou esta modificación no feito de que ese diñeiro estaba destinado á apertura da residencia, algo que non sucederá no presente exercicio, "polo que son uns cartos que quedarían sen gastar", explicou Carlos López.

Tamén se aprobou unha moción, cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP, relativa cancelación dos consorcios de montes, "unha norma que viña dos anos 60" e que agora permite actualizar a xestión de 700 hectáreas de terreo pertencente a seis mancomunidades.

Comentarios