Miércoles. 26.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 26.09.2018
El tiempo

Piornedo lanza un S.O.S

Unha veciña ensina o estado en que se atopa o tellado dunha das pallozas de Piornedo. XESÚS Ponche
Unha veciña ensina o estado en que se atopa o tellado dunha das pallozas de Piornedo. XESÚS Ponche

Os habitantes de Piornedo critican o estado en que se atopa o conxunto ► Piden melloras nos servizos e un plan de mantemento para as pallozas ► Aseguran que as obras efectuadas hai tres anos por Xunta e Deputación son insuficientes e as construcións declaradas BIC están moi deterioradas

VISITAR O conxunto etnográfico de Piornedo é parada obrigatoria para todo aquel que se achegue a coñecer o concello de Cervantes. O valor deste núcleo, cunha vintena de pallozas declaradas Ben de Interese Cultural (BIC), é incalculable. Con todo, na actualidade o conxunto non está a pasar polos seus mellores momentos, segundo denuncian os habitantes da zona.

Hai preto de tres anos a aldea foi sometida a un proxecto de mellora financiado grazas a un convenio entre a Xunta (que achegou 100.000 euros) e a Deputación de Lugo (que destinou outros 160.000). Reparáronse as pallozas, instalouse iluminación pública –pois ata aquel momento carecía dela– e dotouse de saneamento ao núcleo. A pesar de todo, os veciños non quedaron satisfeitos cos resultados.

Por unha banda, critican que a iluminación instalada non se adecúa ás necesidades da zona. "Colocaron farois de medio metro, algo que non ten moita lóxica porque aquí neva todo o inverno e cúbreos por completo", lamentan. Escolléronse luces que producisen o menor impacto ambiental posible, algo que non pon en dúbida os habitantes, pero sinalan que non achegan a luz suficiente. "Colocáronse demasiado separadas e cando escurece non logramos ver o camiño", din.

Os cervantegos indican que as fosas sépticas enchéronse sen que ninguén se ocupase do seu mantemento

Outro dos traballos levados a cabo foi dotar de saneamento á aldea, obras que están sen concluír logo de tres anos. Os cervantegos indican que as fosas sépticas enchéronse sen que ninguén se ocupase do seu mantemento e critican que as saídas que se deseñaron para as augas residuais foron a camiños de paso. "As depuradoras están vertendo a camiños públicos, que quedan totalmente intransitables. Parécenos inaudito, posto que atenta contra a conservación aá que se presume coa Reserva dA Biosfera", denuncia unha veciña mentres sinala unha pista totalmente alagada .

Outra das reclamacións é que se estableza unha franxa de protección de 50 metros ao núcleo, tal e como establece a lei. Advirten de que unha das zonas linda co monte, co consecuente perigo que isto supón en caso de incendio. Tamén solicitan o arranxo do viario de acceso a Piornedo. Pero a maior reivindicación dos veciños é que leve a cabo un plan de mantemento das pallozas. O conxunto alberga unha vintena destas construcións e a maior parte presentan bastantes danos nos seus característicos tellados como consecuencia dos duros invernos que tiveron que soportar. Ata hai oito anos a Administración autonómica asignaba axudas para o seu mantemento que roldaban os 26.000 euros anuais. Esta liña de subvencións suprimiuse en 2010 e o estado das construcións foi empeorando ata 2015, cando grazas ao convenio entre Xunta e Deputación levaron a cabo reformas en todos os tellados.

A pesar de todo, os veciños critican que esta actuación non se efectuou coa dilixencia oportuna. "Unha reforma en condicións duraría máis de dez anos e aquí pasaron tres e alguhas pallozas xa están moi deterioradas", aseguran. Critican a calidade da palla empregada e que non fose escollida. "Antigamente faciamos a escolma, que era separar a palla boa da mala. Aparte non metiamos a parte con gran para evitar que se metesen intres. Pero aquí colocouse sen control", din.

Unha reforma en condicións duraría máis de dez anos e aquí pasaron tres e alguhas pallozas xa están moi deterioradas

Ante esta situación algúns propietarios xa efectuaron pequenas reformas pola súa conta, pero aseguran que non poden facerlle fronte aos gastos que isto supón. Por iso, consideran que deben de ser as administracións as que se fagan cargo destes labores.

RECOLLIDA DE FIRMAS. De feito, os habitantes de Piornedo enviaron en decembro do pasado ano sendas cartas á Xunta e á Deputación coas súas demandas coas firmas da trintena de habitantes que actualmente ten o núcleo. A día de hoxe só recibiron a réplica do organismo provincial, que lles indicaba as melloras nos viarios do concello que estaba a efectuar, mentres que a Administración autonómica non deu ningún tipo de resposta.

"Só se acordan de nós para poñer restriccións", lamentan os veciños, mentres esperan a que alguén atenda á súa chamada de socorro.

Piornedo lanza un S.O.S
Comentarios