Piornedo correu o seu 'Entroiro' con fachas de centeo e carantoñas

O núcleo cervantego acolleu ducias de visitantes interesados nesta tradición que se mantivo no tempo pero colleu novo pulo este ano
Un grupo disfrazado con carantoñas e maranfallos. EP
photo_camera Un grupo disfrazado con carantoñas e "maranfallos". EP

Como os teitos das casas e o pan de cada día, o "Entroiro" de Piornedo, que na zona quere pronunciarse con erre, está vencellado ao centeo. Este é o cereal que cobre as fachas que, dende hai tantos anos coma memoria teñen os veciños, alumean a noite forte de celebración.

En Piornedo dise "correr o Entroiro" a ese intre no que as fachas se prenden co lume dunha fogueira situada en Os Picos da Torre, un lugar ben alto que garda, fiel ao seu topónimo, vestixios dunha torre medieval.

Hai veciños que recordan como dende alí tamén vixiaban as fachas prendidas doutras aldeas, pois a tradición era de toda a contorna. E, de vez en cando, un berro: "Imos botarlle o Entroiro aos de Piornedo!", "Imos botarlle o Entroiro aos de Donís!". E os fachuzos entón movíanse na noite, coma estreliñas correndo.

Agora, son os veciños de Piornedo os únicos que manteñen este lume da tradición aceso. Este ano, con máis forza, pois a asociación Teitos de Piornedo ofreceu a participación neste festexo como unha das recompensas da súa campaña de micromecenado para sementar centeo para recuperar os teitos das pallozas.

O lume tamén serviu para asar os chourizos que pediron casa por casa ou para reflectir os acenos das carantoñas de cartón. Pero, sobre todo, para prender as ganas de que o 'Entroiro' siga alumando dende o máis alto da provincia.

Comentarios