Pedrafita terá en 2019 un orzamento de 1,2 millóns, un 63% para persoal

O Concello prevé empregar o próximo ano a 65 persoas ►Dedica máis de 140.000 euros a investimentos reais

José Luis Raposo.EP
photo_camera José Luís Raposo.EP

LUGO. O Concello de Pedrafita do Cebreiro contará para o próximo ano 2019 cun orzamento que ascende a máis de 1.254.685 euros. Como en pasados exercicios o executivo local volve apostar por impulsar o emprego no municipio, polo que reserva máis dun 63% para gastos de persoal.

O equipo de goberno do PSOE sacou adiante as contas na última sesión plenaria da corporación, a pesar de contar coa abstención do PP. A partida máis importante é a destinada ás contratacións (793.666 euros), coa que se prevé empregar a 65 persoas - 62 serían persoal laboral e os tres restantes, funcionarios-. Trátase dunha cantidade que se incrementa en 30.000 euros con respecto á reservada nos orzamentos do exercicio en curso. As contratacións anuais corresponden a persoal estable do Concello, como administrativo, de limpeza, traballador social, auxiliares de axuda no fogar ou albaneis. Os empregos temporais, de entre dous e oito meses de duración, contemplan persoal para as brigadas de incendios, o socorrista da piscina, un informador turístico ou obreiros. Ademais, nesta partida incorpóranse as subvencións da Xunta de Galicia, a través do plan Aprol Rural, e as da Deputación, co Depuemprego, para contratar a persoas o paro.

As contas recollen un montante de máis de 140.000 euros para investimentos reais. Entre as actuacións máis importantes que o Concello pretende levar a cabo, o rexedor, José Luís Raposo, destaca «a mellora e rehabilitación integral do núcleo de Louzarela». O alcalde destaca, ademais, que esa partida será previsiblemente superior debido á obtención de recursos procedentes de axudas doutras administracións.

IMPOSTOS. No capítulo de ingresos o goberno local de Pedrafita do Cebreiro ten previsto recadar para o ano 2019 148.051 euros en impostos directos, unha cifra moi similar á do pasado ano. Por taxas e outros ingresos prevé percibir máis de 109.000 e a través de ingresos patrimoniais, máis de 6.700.

Os orzamentos para o ano 2019 tamén contemplan o crédito necesario para facer fronte aos gastos correntes en bens e servizos, para o que se establece unha partida de 303.750 euros, ademais dunha cantidade de máis de 16.500 para transferencias correntes.

Comentarios