Patrimonio retira a protección sobre a Casa Benedicto da Proba de Navia

O PP pídelle á Deputación que explique que vai facer co edificio, que foi adquirido no ano 2005 polo goberno de Cacharro para derrubar
Casa Benedicto. EP
photo_camera Casa Benedicto. EP

A Casa Benedicto de Navia de Suarna vén de perder a protección da área de Patrimonio, dependente da Xunta de Galicia, que no seu momento impediu que este singular edificio modernista sito na Praza de España da Proba, hoxe nun completo estado de abandono, fose derrubado, como prevía facer o Concello. O PP ve inacción ante a deterioración desa construción e pide que se interveña.

Núñez, Pérez e Ameijide ante a Casa Benedicto. EP
Núñez, Pérez e Ameijide ante a Casa Benedicto. EP

O inmoble foi adquirido en 2005 pola Deputación, que naquel momento presidía o popular Francisco Cacharro, para cederllo ao Concello de Navia a través dun convenio para derrubar, pero, segundo sinala o alcalde, o socialista José Fernández, ese cometido non se puido levar a cabo por un informe negativo de Patrimonio. Ata agora. "Hai uns dez días, comunicóusenos que o edificio quedaba descatalogado", explica, polo que así se despexa o camiño para poder executar o convenio e que a Casa Benedicto sexa demolida.

Ante o "mal estado de conservación", o PP provincial reclamoulle onte á Deputación que explique que vai facer con esta propiedade. Os deputados Antonio Ameijide e Jesús Núñez, acompañados polo voceiro en Navia, Raúl Pérez, desprazáronse ata A Proba para comprobar a aparencia do inmoble e alí constataron que "é moi preocupante o aspecto do edificio, moi danado na súa fachada exterior e xerando unha imaxe moi negativa no centro histórico da vila".

Neste sentido, engadiron que "en calquera momento" se pode producir un desprendemento en plena praza, "un dos puntos máis concorridos do municipio", polo que lle afea ao bipartito provincial que "nada fixeron" por cumprir co acordado no convenio. Nel expresábase a necesidade de derrubar a casa, de tres pisos de altura nunha superficie de pouco máis de 30 metros cadrados, para eliminar o tapón que supón no lugar e así ampliar este espazo, onde se celebran, entre outras, a multitudinaria Festa da Androlla.

Ameijide puxo tamén como contrapunto a compra do castelo de Doiras por parte da Deputación por case un millón de euros e a adquisición da Casa da Botica de Guitiriz, "que finalmente houbo que derrubar por seguridade".

Deputación e Concello

Pola súa banda, desde o goberno provincial lembran que "foi o PP quen impediu cumprir o proxecto previsto, ao decidir catalogar o inmoble como de especial protección".

Niso coincide o rexedor naviego: "En 2007 quixemos executar o acordo, pero xa non puidemos porque Patrimonio denegou o permiso". Así mesmo, e ante a pregunta de se cabería a posibilidade de rehabilitación para darlle algún uso á Casa Benedicto, José Fernández defende que "non podemos darlle outra saída que non sexa o derrubamento". A maiores, o custo da rehabilitación sería "moi alto" polo seu pésimo estado e os deficientes materiais cos que foi construída. Tampouco se lle podería sacar rendemento útil para os veciños, agrega o alcalde.

Agora, unha vez descatalogada, agarda retomar as conversas para a demolición, cuxo proxecto habería que redactar e licitar, e solicitar o correspondente permiso.

Comentarios