Patrimonio dos Ancares descobre o enclave dun mosteiro medieval

O colectivo atopou a referencia do desaparecido cenobio de San Salvador de Cancelada, no municipio de Cervantes, nunha escritura do ano 1691 que analizou durante o confinamento
Capela de San Martín das Cañadas. EP
photo_camera Capela de San Martín das Cañadas.

O tempo non sempre pon as cousas no seu sitio. Ese labor é, máis ben, da investigación. O mapa da comarca dos Ancares xa é hoxe distinto grazas á levada a cabo polo colectivo Patrimonio dos Ancares, que nel situou, por fin, o lugar no que algún día foi erixido o mosteiro de San Salvador de Cancelada. A asociación levaba anos detrás da súa pista, pero o amplo territorio do Val de Cancelada non o poñía doado.

O colectivo aproveitou o confinamento para revisar, traducir e transcribir unha chea de documentos cedidos por Hugo Pardo-Vivero Vilares, veciño de Becerreá. Nun deles saltou a lebre. Trátase da escritura da fundación, no ano 1691, dunha capela en San Martín das Cañadas, na parroquia cervantega de Mosteiro, "mandada erixir polo matrimonio de Bartolomé Rodríguez de Barcia y Rosón e Agustina de la Torre y Prado", indica Xabier Moure, voceiro de Patrimonio dos Ancares. Na escritura e nos documentos anexos relaciónase a capela cun gran número de doazóns, providas dos froitos das árbores, pastos, viñas ou leiras. "É aquí, ao demarcar as lindes dos terreos, onde en tres ocasións se cita como límite das propiedades unha "casa de piedra y orrio que fue de freires de San Salvador", cuxos límites estarían "devajo del arroyo que llaman de Pacio", "a la parte de avajo del Camino Real", e "un prado de dar hierva de siega de godaña que llaman da Veiga". Atendendo a estes datos, despois de localizar os sitios referidos, esta casa-mosteiro atoparíase entre as aldeas de Lama de Rei, O Mosteiro e Queirugal", indica Moure, que xa comprobou in situ a existencia de muros con contrafortes indicativos da importancia da edificación que protexían.

Sobre o que o colectivo ten dúbidas é sobre a data de fundación do mosteiro. "A única referencia á fundación é dunha licenza do papa Alexandre III ao bispo de Lugo, Xoán, para construír unha igrexa e un cenobio no lugar de Cancelada, en terreos doados polo rei Fernando II para facer doazón dela aos monxes do Císter", indica. Polos cálculos do investigador a fundación tería que producirse a partir do 1159. Sen embargo, entre a media ducia de referencias que baralla o colectivo, dúas serían anteriores, do 1019 e do 1066. "A que se refiren eses documentos, que xa falan da existencia dun mosteiro?", pregúntase o colectivo, que seguirá peiteando o terreo en busca dos seus vestixios.

O cenobio tería sido feminino de confirmarse a súa fundación por parte do Císter

Para determinar a data da fundación e o carácter inicial do mosteiro —cisterciense ou familiar e mixto, se fose máis antigo—, a investigadora en historia da arte e experta no patrimonio eclesiástico da provincia de Lugo, Carolina Casal Chico, considera que o quid estaría no termo construír. Ese é o que empregan os párrocos Flórez e Risco ao referir a licenza de Alexandre III no tomo XLI da obra de referencia España Sagrada. "Construír implicaría que o mosteiro se constrúe ex novo, de nova planta, e ad fundamentis, dende os propios cimentos. Cando dun mosteiro existen bases, cítase noutros termos", comenta.

De ser un mosteiro construído para o Císter, nese momento brillante para Galicia que supuxo o papado de Alexandre III, "xa nacería cunha normativa laboral e espiritual moi férrea, que substituiría a máis disipada dos mosteiros bieitos, apunta Casal Chico. "Sen embargo, o máis interesante é que á advocación a San Salvador —das máis antigas, igual cá de Santa María— corresponderíalle, dentro da observancia do Císter, un monacato feminino", apunta.

Tanto Casal como Xabier Moure sinalan a posibilidade de que este mosteiro funcionase como granxa —un celeiro cunha comunidade espiritual— para o Císter.

Comentarios