Miércoles. 14.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 14.11.2018
El tiempo

Patrimonio dos Ancares atopa petróglifos en Cervantes e As Nogais

Un dos gravados achados en Cervantes. EP
Un dos gravados achados en Cervantes. EP

O colectivo localiza novos elementos prehistóricos na comarca dos Ancares, algún con gravados inéditos na zona

O colectivo Patrimonio dos Ancares descubriu recentemente varios elementos prehistóricos nos municipios de Cervantes e As Nogais. Concretamente, a asociación vén de localizar dúas novas estacións con petróglifos na parroquia de Donís (Cervantes) e entre as de Nullán e Torés (As Nogais).

O primeiro dos descubrimentos sitúase no monte Galegos, en Moreira, Cervantes. Segundo explica o presidente do colectivo, Xabier Moure, documentáronse "17 coviñas" -a representación máis sinxela de arte rupestre ao aire libre- de diversas medidas. Engade que noutra pedra próxima achouse "unha combinación de tres círculos concéntricos con coviña", un motivo nunca atopado antes na comarca. A asociación calcula que o achado se adscribe á Idade do Bronce, hai uns 4.000 anos.

O segundo grupo de petróglifos foi descuberto no monte de Reteixeira, situado entre as parroquias de Nullán e Torés, das Nogais. Na superficie de pedra calcaria contabilizáronse "máis de 50 coviñas" de pequeno tamaño sen unha disposición clara, di Moure. Sobre o mesmo mineral tamén se atoparon un total de once trazos verticais con pequenas variacións. Neste caso, Patrimonio dos Ancares non conseguiu determinar polo momento a súa cronoloxía.

Ambas as mostras conteñen un significado enigmático e pouco claro, segundo explica o presidente do colectivo Patrimonio dos Ancares. No caso das coviñas, considera que estas non terían un motivo único. Barállanse varias hipóteses, aínda que a maioría teñen unha relación moi próxima a valores relixiosos, simbólicos e espirituais.

Desde o ano 2013, na comarca dos Ancares foron documentadas pola asociación un total de 20 estacións con gravados rupestres ao aire libre. A maioría deles, 17, foron atopados en Cervantes, aínda que tamén se rexistraron mostras en Baralla, Navia de Suarna e As Nogais.

Patrimonio dos Ancares atopa petróglifos en Cervantes e As Nogais
Comentarios