O oso volve ser veciño da Montaña

Despois dun século sen apenas presenza nas serras luguesas, varios machos exploradores de oso cantábrico desprazáronse ao Courel e aos Ancares en busca de novos territorios. E o que encontran semella gustarlles: comida, silencio e unha comunidade humana que traballa a prol da coexistencia a través do proxecto Life Oso Courel
Un exemplar de oso cantábrico. FUNDACIÓN LIFE OSO COUREL
photo_camera Un exemplar de oso cantábrico. FUNDACIÓN LIFE OSO COUREL

Talvez non o cheguemos a ver nunca. Ou vexamos só o rastro da súa presenza, unha pegada inconfundible de camiño á lagoa da Lucenza, por algún sendeiro do Val do Lóuzara, ou xa nas campas máis altas dos Ancares. "Pero, aínda sen velo, saber que está aí cambia por completo a paisaxe", di Fernando Ballesteros, coordinador do proxecto Life Oso Courel, que a fundación Oso Pardo puxo en marcha para recuperar a presenza desta especie na zona coa colaboración da Asociación Galega de Custodia do Territorio e a Xunta de Galicia.

"Ninguén crería, nos anos 90, que en Galicia volvería haber osos pardos", engade Ballesteros. Se nos Ancares sempre se rexistrou a presenza dalgún individuo flutuante, a especie desapareceu do Courel a finais do século XIX, deixando un territorio que chegou a modelar coa súa xeometría circular. Os centos de albarizas hoxe en ruínas -cortíns nos Ancares- dan fe dunha das presenzas máis abondantes de Europa en épocas pasadas e que agora volve ter un horizonte de esperanza que moitos consideraban pechado.

A fundación Oso Pardo naceu neses anos noventa para evitar a extinción da especie. A súa loita centrouse en frear a mortaldade non natural, producida pola caza furtiva e polos lazos. Reducida ao seu mínimo poboacional -con 50 individuos e entre catro e seis osas reprodutoras-, o oso pardo mantívose só en dous puntos da Cordilleira Cantábrica: o occidental, co centro en Cangas de Narcea e Somiedo, e a zona de Picos de Europa e de Riaño, onde durante moito tempo non se detectaron osas con cría.

Trinta anos despois, as medidas de conservación aplicadas deron resultado. Por un lado, as poboacións destes dous lugares recuperaron o intercambio xenético. Por outro, o censo de osos pardos aumentou cun crecemento dun 15 por cento anual, e hoxe estímase en 350 individuos.

De feito, é este crecemento o que explica que O Courel volvese rexistrar a súa presenza, e que esta aumentase nos Ancares.

Os osos presentes nestas serras son os machos exploradores da área occidental da Cordilleira, significativos do comportamento dunha especie que, xa ben establecida nun núcleo, busca expandirse.

O proxecto Life Oso Courel -que abrangue os concellos de Folgoso do Courel, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Samos, Triacastela e Quiroga- establece na serra do Courel un mínimo de tres osos, e outros tantos -como mínimo- nos Ancares. Para estimalo, os investigadores realizan análises xenéticas dos excrementos para saber a cantos individuos pertencen. Polo momento non se detectou ningunha femia reprodutora no Courel. Si se localizaron varias nos Ancares leoneses e asturianos. "Se a especie mantén esta tendencia, imos polo camiño de que se acaben asentando", afirma Ballesteros. O que encontran eses machos exploradores trala súa viaxe, gústalles. Soutos e devesas onde comer as máis diversas bagas e froitos. Tranquilidade. Silencio.

COEXISTENCIA. Pero non só o silencio da serra é necesario para recibir de novo á especie. Tan imprescindible é a colaboración dos veciños. Abordar os problemas e inquedanzas que pode causar o oso nun territorio do que desaparecera é un dos obxectivos de Life Oso Courel. "É lóxico que a poboación poida sentir temor cara o oso, por iso informamos", comenta Óscar Rivas, de Custodia do Territorio.

Combater certos prexuízos aínda segue a ser necesario. Un que aínda pervive é a idea errónea de que os osos son reintroducidos artificialmente. "Nunca se botaron no monte. A súa presenza é froito do éxito das políticas de conservación", afirma Ballesteros.

A información tamén é necesaria para favorecer a coexistencia entre a especie e a actividade apícola, que é a que se ve máis ameazada. "Os cercados electrificados e os pastores solares son efectivos en máis dun 90% dos casos", engade Rivas, por iso dende o proxecto ofrécenos gratuitamente aos apicultores.

Outro colectivo co que traballan é o dos cazadores, pois trátase dunha actividade asentada no rural que se desenvolve no hábitat deste mamífero. "Os accidentes poden ocorrer, porque o oso pode confundirse con outro animal. Por iso promovemos desbroces para que haxa maior visibilidade", explica. Como exemplo do éxito con este colectivo, Rivas menciona un caso ocorrido este ano en Seceda, cando, nunha batida de xabarín, os cazadores viron un oso e pararon a cacería. "Contáronnolo emocionados e nos transmitiron toda a información sobre o avistamento", indica.

Tamén é importante relativizar a peligrosidade que ás veces se atribúe á especie "que durante longos anos de convivio se convertiu nunha especie tímida, esquiva", di Ballesteros. "Os seis ataques rexistrados nos últimos 30 anos -sempre na zona oriental- non foron graves, e sempre estiveron motivados por algunha imprudencia ou encontro desafortunado. O risco está cando se interfire entre a osa e as crías. Tamén hai que ter coidado cos cans, que poden perseguir o seu rastro ata meterse na súa cova", explica.

TURISMO. A presenza do oso non só é un feito a celebrar dende o punto de vista da biodiversidade, senón tamén do turismo. "O oso é para un territorio coma un tenedor para un restaurante. É unha especie emblemática, que acuña un lugar como biodiverso, e que pode favorecer un turismo de calidade, que busca unha paisaxe en harmonía", conta Ballesteros.

O Courel non é o único lugar no que a especie volve estar presente despois de décadas ou séculos ausente. Nos últimos anos chegou tamén a Valdeorras, Trevinca e ao norte de Portugal. Aínda que se trate de presenzas testimoniais, son significativas do estado actual.

Non deixa sen embargo o oso pardo cantábrico de ser unha especie en perigo de extinción. O umbral no que pasaría a considerarse ameazada está nos 500 individuos. Se as políticas se manteñen, o oso irá por bo camiño. E ese camiño o traerá, cada vez, máis preto de nós.

Comentarios