A obra para rehabilitar o castelo de Doiras iniciarase antes de que finalice o ano

A actuación está encamiñada a mellorar a accesibilidade do edificio e poñer en valor os elementos do seu interior
2020102913215393833
photo_camera Castelo de Doiras. VICTORIA RODRÍGUEZ

O castelo de Doiras, un dos monumentos máis emblemáticos dos Ancares, será sometido a unha profunda rehabilitación, cuxas obras comezarán antes de que finalice o ano.

Os traballos que se levarán a cabo nesta fortaleza do século XV, propiedade da Fundación Xosé Soto Fión, están encamiñados tanto a mellorar a accesibilidade do edificio como para poñer en valor o patrimonio e mobiliario que se conserva no seu interior.

A primeira fase da obra, que se prevé poida estar finalizada no mes de abril do próximo ano, inclúe, entre outros, a mellora dos accesos, a renovación da instalación eléctrica, a construción de novas escaleiras interiores e a rehabilitación dalgunhas das estancias da fortaleza.

O castelo de Doiras está aberto ás visitas de mércores a domingo en horario de 11.00 a 14.00 horas. Aínda que a entrada é gratuíta, debido ás restricións derivadas pola pandemia do covid-19 é necesario reservar.

Con esta actuación preténdese poñer en valor tanto o propio edificio como todos os elementos expositivos que se conservan no interior, o que incrementará o atractivo de todo o conxunto e potenciará as súas posibilidades como reclamo turístico da comarca.

Unha escultura que nace da roca
O castelo de Doiras en Cervantes é, sen dúbida, un dos edificios máis singulares dos Ancares. Construído no século XV, o inmoble parece esculpido da propia roca na que se atopa, a 740 metros de altitude.

Recuperación
Desde que a Fundación Xosé Soto Fión se fixo co edificio no ano 2001, a súa intención foi a de recuperalo do estado ruinoso no que se atopaba e darlle unha "utilidade pública". Aproveitar o seu potencial como reclamo turístico é o obxectivo da súa rehabilitación.

Comentarios