lunes. 09.12.2019 |
El tiempo
lunes. 09.12.2019
El tiempo

O terremoto da Fonsagrada

María Xosefa Ortiz de Galisteo, 'Nenoso'. ARQUIVO
María Xosefa Ortiz de Galisteo, 'Nenoso'. ARQUIVO

O veto de Ortiz de Galisteo a Argelio Fernández móvese pola sensación de quen durante anos sente ser menosprezado

Sempre de cara, honesta e íntegra. Quen a coñece falan así de María Xosefa Ortiz de Galisteo Pérez Nenoso, a muller sobre a que, sen pretendelo, recaeu a responsabilidade de dar estabilidade ao próximo goberno da Fonsagrada. Despois do sismo electoral do pasado 26-M, que deixou ao actual alcalde en funcións, Argelio Fernández Queipo, ao bordo do precipicio, as réplicas posteriores provocaron unha estraña mezcolanza de sedimentos na que a veterana concelleira do BNG podería achegar o fertilizante necesario para que o PP poida brotar no municipio. 

E é que do mesmo xeito que a natureza, a política tamén é caprichosa e, como sucede coas plantas, todo depende do mimo co que se reguen. Desde logo, Argelio Fernández non parece desas persoas ás que lles gusta regalar expresións de agarimo. Afeito ao "aquí ordeno e mando" e a que os demais "obedezan sen pedir explicacións", o seu carácter chocou desde os inicios co de Nenoso, unha muller da que, que a coñecen, di que non cala, que di o que pensa e que antepón a integridade a calquera tipo de inxustiza. 

Na súa ameaza de facilitar coa súa abstención un goberno encabezado polo popular José Luís Regueiro, quen trata a Nenoso, que é concelleira desde 2007, sabe que non se trata de ningunha infidelidade ao seu ideario ou que na súa actitude haxa algún tipo de ambición persoal ou política. 

O seu proceder está condicionado por sentimentos máis íntimos. Por aqueles que moven aos que sofren, di Nenoso, a prepotencia continuada, os desprezos persoais ou as saídas de ton. E é que, en moitas ocasións, Nenoso sentía ser vítima deste tipo de desprezos cando nos plenos municipais pedía ao goberno local máis datos ou máis transparencia en calquera actuación. 

Esta difícil relación entre Fernández e Ortiz de Galisteo non fixo máis que deteriorarse co paso do tempo. Por iso, tras o resultado do pasado 26-M, non é que Nenoso quixese aproveitar a forza que lle dan as caprichosas matemáticas para lanzar un órdago ao PSOE, senón que o que pretende é facer o que calquera David contra Goliat. Vencer ao xigante para levar á Fonsagrada ese cambio nas formas que, á súa entender, demanda o pobo

A manobra do candidato popular para recordar a Nenoso a súa mala relación con Argelio e intentar pescar en río revolto ofrecéndolle a alcaldía foi, desde logo, de gran habilidade. Con todo, podería aforrar o ofrecemento porque quen coñece a veterana concelleira do BNG sabe ben que esa non é, nin moito menos, a súa aspiración e, aínda sen o PP polo medio, o que noutros lugares sería un pacto natural co PSOE, na Fonsagrada non ía ser fácil. 

Nenoso atópase agora na incómoda posición de quen adquire un protagonismo non buscado. Condicionar o seu apoio ao PSOE a cambio da renuncia de Argelio Fernández non só deixa a porta entreaberta a un posible goberno do PP, senón que a deixa nunha posición difícil ante os seus. A pesar diso, quen a coñece sabe que dificilmente dará marcha atrás na súa esixencia e que, se no BNG non a apoian, ben podería converterse nun espírito libre ou ben apartarse a un lado e poñer a formación frontista no difícil trance de buscarlle substitución.

O PSOE pecha filas en defensa de Fernández 
A secretaría xeral do PSdeG pecha filas a favor do alcalde en funcións da Fonsagrada, ao que apoian "plenamente" para que poida ser reelixido. En termos xerais manifestouse o secretario provincial, Álvaro Santos, quen dixo que "Argelio é o candidato á alcaldía, é o alcalde da Fonsagrada e quen lidera o proxecto socialista" nese municipio. 

Reunión 
O BNG fonsagradino reuniuse este xoves a última hora da tarde para decidir os pasos a seguir logo de presentar o documento no que condicionaba o apoio ao PSOE á renuncia de Argelio Fernández. Tras a asemblea seguía ese veto.

O terremoto da Fonsagrada
Comentarios