Músicos e ferreiros fonsagradinos e astures recuperan o birimbao

Impulsan o proxecto Avareira para continuar coa fabricación da chamada trompa tradicional ou arpa de boca
Birimbaos. AEP
photo_camera Birimbaos. AEP

Músicos e artesáns do ferro da Fonsagrada e o Occidente astur impulsan o proxecto Avareira para a recuperación da trompa tradicional, birimbao ou arpa de boca, que contou con intérpretes de gran fama no municipio fonsagradino, como Emilio do Pando ou César do Leituego. A iniciativa presentouse este sábado nos Chaos, ás 12.00, o marco da sexta edición da Foliada.

O músico local Daniel do Pando, o tamén músico e cuchillero de Taramundi Carlos Quintana e os ferreiros de Santalla de Oscos Paz Prieto e Friedrich Bramsteidl uniron os seus coñecementos para deseñar unha trompa respectuosa coa historia, pero que aproveita as tecnoloxías modernas. Daniel do Pando, sobriño de Emilio, define o proxecto como "unha mestura de tradición, esforzo e sensibilidade para facer unha peza que ten séculos de camiño". Así se mantén viva a fabricación deste instrumento tras o falecemento de Liberio, un artesán local que coñecía os seus segredos.

Aínda que está presente en numerosas culturas do mundo, o birimbao ten unha forte presenza nas montañas que unen Asturias con Galicia. "Unha conxunción de excelentes músicos e hábiles ferreiros cimentou a súa popularidade, chegando a adoptar co tempo características propias case únicas non mundo", explica Daniel do Pando. O programa Avareira "nace coma herdeiro desa conxunción. Un grupo de ferreiros e músicos unímonos para continuar coa creación deste instrumento, símbolo da memoria artesá e a riqueza cultural da nosa terra", engade Daniel.

Esta recuperada trompa é froito da alquimia entre legado e innovación. "Compartimos horas, segredos e sabedoría cos antigos ferreiros da zona, que con gran xenerosidade nos abriron os seus obradoiros, pero tamén investigamos e experimentamos longo tempo nas nosas forxas", afirman os integrantes do colectivo. Así xurdiu unha peza de estudo, precisa e de gran riqueza sonora.

Avareira é o nome dun monte de avellanos entre A Fonsagrada, Os Oscos e Taramundi. Como o monte, este proxecto "quere ser un nexo entre xeracións, entre o antigo e o novo", aseguran os seus impulsores.

Comentarios