As Nogais reivindica a Vía Künig e celébrase como terra de camiños

A asociación Abrente, con outras entidades e o Concello, organizou onte a segunda xornada sobre a ruta
2021091214025840132
photo_camera Actuación de Abrente. EP

Os camiños teñen memoria, e semella que os pasos chaman ás súas portas para espertala de novo. A asociacion Abrente sábeo ben, e por iso escolleu por título 'As Nogais, terra de camiños' para a xornada de promoción da Vía Künig que celebrou onte en colaboración co Concello e con outras entidades dedicadas á divulgación do patrimonio xacobeo.

Un evento para festexar os camiños tiña que comezar a pé. Así, ás dez da mañá eran case setenta as persoas que seguían os pasos de Hermann Künig de Pedrafita do Cebreiro ás Nogais. Camiño que tamén é o real de Carlos III xa a finais do XVIII. E é que a terra, nalgúns lugares, non está quieta.

Tampouco as integrantes de Abrente saben parar. Ás 13.00 horas recibían cunha actuación musical aos camiñantes logo deses 14 quilómetros entre localidades. A música continuou ás 18.00 horas cun concerto a cargo da banda de música do municipio.

Fe Álvarez, presidenta da asociación, resaltou que, logo da primeira Ruada 1900, que celebraron no verán do 2019, quixeron retomar a proposta, e xuntar nun varios tempos. Por unha banda, propoñer, como fixeran daquela, unha caracterización das veciñas e veciños coma se as rúas retrocedesen 100 anos. Pola outra, tamén facer chegar eses tempos da Idade Media de finais do século XV, cando o monxe alemán entrou nas montañas orientais de Lugo na súa peregrinación a Compostela.

Así, na xornada de onte houbo un desfile pola vila do ano 1900, no que unha fotógrafa retratou aos asistentes como antes facían os fotógrafos ambulantes. As mellores caracterizacións recibirán un premio e serán expostas máis adiante.

Por outro lado, Abrente estreou a peza 'Hermann Künig, soñando o Camiño Xacobeo', coa que buscaron recrear o seu paso pola zona. A peza, que escribiu Javier González, da Pobra do Brollón, recibiu tamén o asesoramento de Javier Gómez Vila, historiador e presidente da asociación cultural Vía Künig, e contou co apoio da Xunta a través do programa O Teu Xacobeo.

Amigos do Camiño tamén colaborou con esta xornada na que Abrente despregou a música e baile que mantén dende a súa fundación no ano 2008. Todos os alcaldes dos concellos polos que pasa á Vía Künig acudiron ao evento, como tamén a asociación Amigos do Camiño e outras entidades. A terra móvese, e nas Nogais non pensan estar quietas.

Comentarios