As Nogais destina 150.000 euros ao arranxo de vías

As actuacións, financiadas nun 80 por cento pola Deputación, levaranse a cabo na estrada que une Moral con Villarín

O Concello das Nogais está a realizar obras de mellora en catro quilómetros da estrada que une os núcleos de Moral con Villarín de Doncos, e nos seus desvíos cara ás Fontes e A Pedriña, no límite municipal con Pedrafita do Cebreiro.

As actuacións reciben un investimento de preto de 150.000 euros. Desta cantidade, o Concello achegará 30.000, cos que asume as tarefas de roza, limpezas perimetrais, limpezas de cunetas, melloras de pasos de auga e arranxos de muros, que xa se están levando a cabo.

O importe achegado polo organismo provincial -o 80% do total, grazas a un convenio asinado co Concello- destinarase a tarefas de aglomerado en quente e á renovación da sinalización horizontal e vertical. Estas actuacións comezarán a semana que vén, e está previsto que terminen o día 15 de xullo.

PREVENCIÓN DE INCENDIOS. O goberno local das Nogais está a levar a cabo un programa máis amplo de limpeza de camiños e núcleos rurais grazas a un convenio coa Xunta a través do programa Aprol Rural, que dotou ao municipio dunha brigada composta por catro traballadores que actuará durante nove meses no concello.

Os traballos deste programa, que ten por finalidade a prevención de incendios, completaranse cos que realizarán as dúas brigadas municipais, compostas cada unha por un capataz, un condutor e tres peóns. Tamén incluirán a tres motobombistas e a dous traballadores que realizarán rozas con tractor.

Comentarios