As Nogais acollerá a finais de outubro un foro de promoción da Vía Künig

Súmase a outros proxectos para divulgar a ruta, como un documental e unha obra de teatro
Recorrido por la Vía Künig. AEP
photo_camera Percorrido pola Vía Künig. AEP

Os responsables do proxecto Vía Künig, que busca pór en valor esta variante do Camiño pola provincia, organizarán en outubro un congreso nas Nogais para dar visibilidade a este percorrido e, ao mesmo tempo, involucrar nese obxectivo a asociacións da zona que abarca a ruta —o concello anfitrión do foro, Becerreá, Baralla, O Corgo e Lugo—.

Este simposio súmase a outras iniciativas na mesma liña que se están xestando actualmente, como a gravación dun documental e a creación dunha obra de teatro inspirada na figura do monxe alemán Herman Künig, quen percorreu a finais do século XV ese itinerario alternativo á ruta xacobea e despois divulgouno nunha guía.

Así o avanzou o director do proxecto Vía Künig, o investigador Javier Gómez Vila, quen precisou que esta mesma semana, nunha reunión en Becerreá con alcaldes e outros cargos municipais dos concellos involucrados, acordouse fixar para o día 26 do próximo mes ese congreso de promoción do trazado.

"Estamos a ultimar os detalles do foro, pero sobre todo imos informar do que é a Vía Künig e do que pode supoñer para a zona, e tamén queremos contar coas asociacións para sumar forzas nun proxecto común", dixo Gómez.

Como proba do interese crecente por este trazado, avanzou que están a apoiar, ademais, aos impulsores doutras iniciativas con fins análogos. Así, unha produtora lucense está a gravar un documental e a asociación cultural Abrente, das Nogais, prepara unha peza teatral sobre Künig.

Javier Gómez, que espera que ambas as obras se poidan estrear no congreso, adiantou que no que queda de ano impulsaranse máis accións de promoción da ruta como, entre outros proxectos, a edición dun mapa no que se destacarán os puntos máis importantes polos que pasa.

Estas propostas súmanse a outras xa en marcha comoa sinalización do percorrido —está previsto que se complete en outubro— e o desenvolvemento dunha app sobre o trazado. Ademais, faranse melloras na contorna do camiño con persoal dun taller de emprego.

Comentarios