A neve volveu encher O Cebreiro, aínda que sen chegar a provocar atascos

Os locais de hostalería tiveron a súa maior carga de traballo entre as tres e as cinco da tarde

Juegos con el trineo en la nieve. SEBAS SENANDE
photo_camera Xogos co trineo na neve. SEBAS SENANDE

Vehículos estacionados no Cebreiro. SEBAS SENANDEA onda de frío que marcou o inicio desta primavera deixou abundantes precipitacións de neve nas zonas altas da Montaña, que este domingo amenceron cun importante manto branco. Esta circunstancia provocou que ao longo de todo o día fosen moitas as persoas que se desprazaron a esta parte da provincia para alargar a tempada invernal. Como adoita ser habitual, O Cebreiro foi o núcleo que recibiu un maior número de visitas, cun cheo total durante boa parte do día, aínda que sen chegarse a producir os atascos que outras veces si se forman na estrada que dá acceso ao poboado.

O alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, explicou que a pesar desta notable afluencia de visitantes, "non se rexistraron atascos nin incidentes de importancia". Para el foi determinante, neste sentido, que as estradas estaban "totalmente limpas e transitables" e que os condutores que estacionaron nas marxes da vía "fixérono con suficiente coidado para non entorpecer o tráfico dos demáis vehículos".

Os locais de hostalería foron os máis beneficiados con esta afluencia de persoas. Entre as tres e as cinco da tarde foi para eles o momento do día con maior carga de traballo e, aínda que algúns empresarios recoñecían que a aglomeración de xente, "non chegou a ser tan grande como nalgúns días do inverno" mostráronse moi satisfeitos polo feito de que esta onda de aire frío lles permitira alongar "un pouco máis" a tempada invernal.

Aínda que O Cebreiro foi, posiblemente, o núcleo da Montaña que recibiu un maior número de visitantes, outros puntos da comarca tamén viviron unha xornada moi animada. Ese foi o caso do Piornedo ou A Fonsagrada, onde a cantidade de neve acumulada durante esta fin de semana deixou belas imaxes que moitos visitantes se encargaron de inmortalizar cos seus diferentes dispositivos electrónicos.

O mal tempo seguirá sendo protagonista durante boa parte desta semana na provincia. Para este luns e este martes prevense precipitacións, que serán de neve por encima dos 1.200 metros. As temperaturas seguirán baixas para esta época do ano.

Comentarios