A neve faise esperar en Lugo

As primeiras folerpas xa son auga e a montaña lucense celebra o Día Mundial da Neve sen rastro dela, con ansia dese branco invernal que tanta vida lle dá
 
Piornedo
photo_camera Entorno de Piornedo nevado. L. LÓPEZ

O terceiro domingo de xaneiro celébrase o Día Mundial da Neve. A data sorprende a Lugo sen rastro do manto branco que cubriu as montañas hai unhas semanas e con temperaturas altas para a época, que non auguran moitas folerpas. Algunha resiste nos cumios, pero só ao alcance dos máis aventureiros.

A montaña espera ansiosa ese maná do ceo, que sería o normal en xaneiro e que indicaría que cada elemento da natureza está no seu sitio. Agardan pola neve os hostaleiros das zonas altas, os afeccionados ao montañismo de inverno e os nenos que aínda non puideron estrear o trineo. Porque a neve, ben xestionada, axuda a dinamizar a montaña e, sen excesos, na xusta medida, engaiola.

Un hotel singular

Mireia Rodríguez
Mireia Rodríguez.

"Cando solto a primeira foto de neve nas redes empeza a loucura". Así de claro o resume Mireia Rodríguez, a encargada do Hotel Piornedo, ubicado na emblemática aldea das pallozas de Cervantes.

Di que a neve é máxica e non hai discusión posible porque se criou nela. "En Piornedo estamos afeitos, pero aínda así, a neve déixate en silencio cando cae, ten ese poder de sorprender sempre", comenta.

Mireia Rodríguez sabe que as folerpas teñen imán e que en canto empezan a caer xa se intúen os coches pola estrada que conduce ao máis alto dos Ancares. "Veñen montañeiros que queren subir ao Mustallar. É xente con experiencia, iso non o pode facer calquera. Veñen preparados, con raquetas e roupa adecuada para andar pola neve. E despois están os que veñen pasar o día a Piornedo, a xogar, sobre todo familias con nenos. Os pequenos son os que máis desfrutan", explica a hostaleira.

Para todos, a prudencia é fundamental porque moverse na neve non é doado e moito menos para alleos á montaña. Mireia Rodríguez asegura que as redes sociais axudan moito neste aspecto. "Eu ofrezo moita información a través das nosas redes, non só para os clientes do hotel, senón para todo o mundo, para calquera que queira achegarse aos Ancares. As administracións son as responsables de ter as estradas limpas para que os coches circulen sen problema, pero quen veña ten que vir preparado. A Piornedo chégase por unha estrada de montaña, non é unha autopista e hai que telo en conta. Non se pode vir á neve con rodas gastadas, sen cadeas ou cun GPS que te mete por camiños imposibles. A prudencia é necesaria sempre", apunta.

Mireia Rodríguez dirixe un hotel en Piornedo e informa sobre a neve nas redes

O Hotel Piornedo leva 35 anos aberto e ten xente todo o ano. "En cada estación o perfil é diferente", explica a xerente, pero hai clientes fixos que repiten unha e outra vez. "Os de toda a vida reservan cada vez con máis antelación porque saben que hai moita demanda, sobre todo en época de neve. Entón, se se alían os astros e ese día teñen neve, sol e as estradas limpas... perfecto. Se non, hoxe xa ninguén cancela por mal tempo. Se non hai neve faise outra cousa", comenta.

Mireia Rodríguez advirte que Piornedo non ten capacidade para dar servizo de restauración a toda a xente que chega un día de neve. O restaurante do seu hotel traballa con reserva. "Temos aforo limitado, non podemos chegar a todo, así que quen queira comer con nós ten que reservar", afirma.

Hai outro restaurante en Piornedo e outros próximos en Campa da Braña. En todo caso, a gastronomía dos Ancares ben merece unha chamada para reservar mesa e non arriscar o xantar.

Andando o monte 

iso web
Participantes nunha andaina por Piornedo.

Outras que tamén suspiran pola neve neste tempo son Lola López Pérez e Isolina Rodríguez López, as impulsoras de Piornedo Anda, un programa de rutas de sendeirismo vinculado á palloza museo Casa do Sesto. O obxectivo é dinamizar a aldea e dar a coñecer a súa historia, cultura e tradicións a través de andainas guiadas e comentadas por estas dúas mulleres.

"Percorremos as sendas dos pastores e contamos o que nós vivimos de pequenas, o que nos contaron os maiores, as lendas de cada lugar. Explicámoslle á xente como é o monte que foi o noso parque cando eramos nenas. Falamos das plantas medicinais que imos vendo polo camiño, comemos herbas... pasámolo ben", resume Lola López.

Saen camiñar cada domingo pola mañá, salvo excepcións, e tamén algúns festivos. Para o 21 de xaneiro teñen programada unha andaina que elas chaman ruta da moura. "Poñémoslle o nome dependendo do que vaiamos contar e pola zona que imos andar ese día hai unha lenda de mouros", apunta a organizadora. 

Lola López e Isolina Rodríguez organizan rutas para dinamizar e dar a coñecer Os Ancares

A saída faise sempre, non hai número mínimo de participantes porque tampouco hai interese económico na actividade. Lola López explica que o obxectivo é dar a coñecer a esencia da zona e dinamizala, "que quen veña leve algo máis ca unha foto bonita. Se se apunta alguén, aínda que sexa unha soa persoa, imos con ela. E cando non hai ninguén, imos soas e aproveitamos para rozar os sendeiros", comenta Lola López.

A neve condiciona as andainas, pero é un atractivo engadido para os participantes. "Cando hai neve facemos as rutas pola zona baixa porque a maioría da xente non vén preparada con roupa para meterse moito. Aínda así, desfrutan. A xente sorpréndense sempre porque para chegar a algúns lugares  a onde os levamos ou para reparar nalgúns detalles hai que coñecer a zona".

Lola López lamenta que a celebración do Día da Neve vaia ser sen ela. "Hóuboa hai unhas semanas, no Nadal, pero só queda nos cumios máis altos. Agora tiña que vir o frío, pero non está facendo o tempo propio desta época. O risco das altas temperaturas é que se adiante a primavera e que as xeadas que veñan atrás acaben con todo o que agrome agora", di.

Á espera do manto branco, Lola e Isolina sempre terán unha proposta para facer en Piornedo, unha experiencia que lembrar, unha historia que contar a quen queira andar o monte e escoitar.

Nos cumios máis altos 

José Manuel Pardo Penelo
José Manuel Pardo Penelo.

Quen tamén podería contar moitos contos coa neve como protagonista é José Manuel Pardo Penelo, montañeiro e alpinista que ten pisado moita neve nos Ancares, pero tamén no Himalaya, no Kilimanjaro, no Aconcagua, nos Alpes ou nas proximidades do Everest, por citar os picos máis coñecidos.

Leva andado moito mundo na procura das montañas máis altas e non deixa de desfrutar delas. "É diferente ir con neve ou sen ela, pero gústame dos dous xeitos. A neve obriga a levar máis material e roupa axeitada", indica.

En calquera das expedicións aos picos máis altos do mundo esa preparación vai de serie. "Empezas a subir sen neve, pero no alto haina sempre, así que hai que ir preparado para todo", apunta, aínda que a infraestrutura necesaria nestes ascensos tampouco é a dun paseo polos Ancares. "Para calquera parque nacional hai que sacar permisos. Tamén hai que levar o campamento, contratar porteadores, guía... Por exemplo, para subir ao Aconcagua, en Arxentina, paguei hai anos un permiso de 500 euros, que creo que agora ronda os 1.000. E nunca fun ao Everest porque o custo oscila entre os 30.000 e os 80.000 euros, aínda que si subín a outros picos próximos", explica.

José Manuel Pardo goza dos cumios brancos e pisou algúns dos máis altos da Terra

Para os lucenses que queiran iniciarse na aventura do montañismo con neve, José Manuel Pardo recomenda Os Ancares se a houbera, pero no seu defecto e por proximidade, recomenda os montes de Babia. "Desde Lugo dá para ir e volver no día, aínda que se é para andar pola neve o máis recomendable é ir polo menos unha fin de semana, para evitar as présas", recomenda.

Pardo Penelo está agora xubilado e desfruta dunhas facilidades que antes non tiña. "Teño a vantaxe de que podo ir calquera día da semana, máis tranquilo, cando hai menos xente. Procuro non ir só, pero quedo con algún amigo e vou en calquera momento". Así que por este montañeiro, pode empezar a nevar cando queira, que está listo para botarse ao monte.

Comentarios