Negueira de Muñiz terá unha escola taller e un ecomuseo sobre as abellas

Alberto Uría, creador de 'El país del abeyeiro', asegura que a súa "aula natural" tocará temas como a micoloxía, a botánica ou os insectos

Uría (izquierda) charla con Balseiro (centro). EP (ecomuseo sobre las abejas en Negueira de Muñiz)
photo_camera Uría (esquerda) charla con Balseiro (centro). EP

A formación, a conservación da natureza, o traballo tradicional e a apicultura son os alicerces cos que Alberto Uría traballa para levantar El país del abeyeiro, un proxecto que podería ver a luz na primavera do próximo 2019 en Negueira de Muñiz, e que o seu creador define como "unha aula natural".

"Vai ser unha escola taller, un ecomuseo e un centro de formación ligado a aspectos ambientais", explicou Uría.

O promotor do proxecto é un emprendedor asturiano con raíces en Negueira de Muñiz. "O meu pai é de aquí. Eu nacín en Oviedo, pero xa levo case unha década vivindo en Negueira de Muñiz, dedicándome á apicultura. Agora levo algo máis, traballo con máis tipos de polinizadores, non só con abellas, e a miña idea é botar a andar un lugar no que a xente poida aprender de apicultura, pero tamén de botánica, de micoloxía ou de insectos", comentou.

A Xunta de Galicia, a través do GDR Montes e Vales Orientais, impulsa con 74.300 euros –o 50% do investimento inicial– a posta en marcha de El país del abeyeiro. O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou este martes as instalacións da firma e destacou as posibilidades dun proxecto "respectuoso" co medio ambiente, que permitirá "xerar tecido económico, social e cultural na comarca".

A empresa, instalada nunha aldea que estaba abandonada como Pena da Nogueira, "xa deu probas do dinamismo que quere imprimir na zona", segundo palabras do propio Balseiro.

"Estou a intentar implicar a todo o mundo. Se por exemplo imparto un curso de dez ou quince horas, dunha fin de semana, que as persoas que o cursen durman aquí ou vaian comer ao municipio", engadiu Alberto Uría.

O emprendedor confía en que o proxecto estea totalmente operativo na primavera: "Estou a terminar as obras e esperemos que tras o inverno estea listo".

Comentarios