Navia de Suarna espera por unha nova traída de auga desde hai case unha década

O Concello agarda desde 2009 recibir a luz verde da Xunta. As queixas veciñais sucédense ante a continua turbiedad da auga

José Fernández Fernández, alcalde de Navia de Suarna. XESÚS PONTE
photo_camera José Fernández Fernández, alcalde de Navia de Suarna. XESÚS PONTE

O proxecto para dotar dunha nova traída de auga ao municipio de Navia de Suarna parece caer en caixón roto. O municipio leva case unha década esperando recibir a luz verde dos organismos dependentes da Xunta de Galicia para poder pór en marcha dunha vez por todas este servizo básico. Trátase unha antiga demanda dos veciños, que de cando en vez teñen que sufrir as nefastas consecuencias da turbiedade da auga.

Desde o Concello cualifican de "lamentable" que esta situación se manteña no tempo. Recordan que esta prestación xa estaba comprometida pola Administración autonómica no ano 2009 cunha partida de 670.000 euros, que incluiría unha nova vía de captación e canalización.

O rexedor local, o socialista José Fernández, precisa que naquel momento o goberno galego estaba liderado polo bipartito. "Desde o goberno local presentamos o proxecto para a nova traída ante a Xunta e contamos co seu visto e prace. Sen embargo, co cambio de goberno, o PP meteuno no caixón sen facilitar información algunha sobre o mesmo dede hai nove anos", remarca o rexedor.

SERVIZO DEFICIENTE. Ata o momento o goberno local viuse obrigado a prestar este servizo a través dunha estación de bombeo que capta a auga directamente no Río Navia. A continuación, efectúase unha fase de cloración e distribúese por vivendas e establecementos da vila. Con todo, ao relizarse a captación desde o propio torrente a calidade mingua ante fenómenos como a seca ou as tormentas ao producirse arrastres, o que repercute no servizo que reciben os habitantes nos seus fogares. Un prexuízo que tamén sofren os establecementos comerciais da localidade, que en ocasións se viron obrigados a botar o peche ao non poder ofrecer un servizo de calidade aos seus clientes. "Non podes nin cociñar nin lavar os alimentos", queixábanse este mesmo verán varios traballadores dun local hostaleiro do centro urbano, que alertaban de que a pésima calidade da auga podería incluso desencadear algún tipo de infección.

OBXECTIVO. O proxecto exposto polo Concello de Navia de Suarna contempla levar a cabo a captación de auga desde un manancial de maior capacidade emprazado no lugar de Quintá de Moia. Este servizo melloraría a calidade da auga e ademais serviría para aforrar custos ao Concello. "Cun sistema renovado poderiamos simplificar ou proceso ou que nos axudaría a aforrar entre 700 ou 800 euros mensuais", remarca o dirixente local.

Este proxecto complementaríase ademais coa creación dunha estación depuradora, en suspensión tamén desde hai case unha década.

"Chega moi turbia, coma o chocolate"
O deficiente funcionamento do actual sistema de captación causa queixas continuas entre os veciños. Este mesmo verán sufriron a turbiedade da auga varios días. "Chega moi turbia, coma o chocolate, así non se pode levar unha vida normal", lamentábanse.
Negocios
Algúns negocios víronse obrigados a botar o peche ata poder garantir un bo servizo para os seus clientes.

Comentarios