Nace na Fonsagrada un club para promocionar deportes de montaña

O Terras de Burón terá seccións de atletismo, ciclismo, espeleología e barranquismo
Nuria Fernández (derecha), junto a otros miembros del club Terras de Burón. EP
photo_camera Nuria Fernández (derecha), junto a otros miembros del club Terras de Burón. EP

O club de montaña Terras de Burón é o primeiro colectivo deste tipo co que conta o municipio da Fonsagrada. Cunha xunta directiva presidida por Nuria Fernández Yáñez e na que todos os seus membros son mulleres, este club xa conta con algo máis dun centenar de socios desde a súa constitución hai medio ano.

O pasado día 12, Terras de Burón xa organizou unha primeira actividade consistente nunha marcha de sendeirismo na que participaron unhas 150 persoas. "Fixemos un roteiro curto, que tiña sobre 5 quilómetros non que participaron unhas 50 persoas, e outro longo de 14 quilómetros, cuns 100 participantes", explica Nuria Fernández.

Pero este club de montaña nace tamén coa ambición de dar resposta a todos os afeccionados ás distintas especialidades do deporte de montaña. Así, ademais de rutas de sendeirismo, haberá seccións de ciclismo, atletismo e, incluso, barranquismo e espeleología.

"A idea é que os interesados poidan federarse co noso clube naquela especialidade deportiva que elixan", explica a presidenta de Terras de Burón, que destaca a boa acollida da inicitiva.

Nuria Fernández afirma que a idea de crear o club xurdiu nunha conversación entre amigos da localidade nunha desas carreiras de montaña á que ela é tan afeccionada. "Comezamos a falar do bo que sería ter aquí un club e de organizar aquí cousas para dar a coñecer o municipio a través destas actividades deportivas ou tamén para prestar apoio a moitos afeccionados doutros lugares que veñen ata A Fonsagrada a practicar vos seus deportes favoritos".

Meu dito meu feito, os promotores de Terras de Burón puxéronse a traballar para dar forma a unha idea que moi pronto contou co apoio do propio Concello.

APOIO MUNICIPAL. Nuria Fernández destaca a boa acollida que tivo a iniciativa entre o goberno local. "Desde o principio todo foron facilidades e ese apoio vese reflectido, por exemplo, no feito de que nos cederan as instalacións da Aula Verde, que ademais de ser a nosa sede, conta tamén con vestiarios e zona de lavado de bicicletas, que non só está dispoñible para os socios, senón tamén para todas aquelas persoas que, por exemplo, veñen facer un roteiro dun día pola zona", explica Fernández Yáñez.

A presidenta de Terras de Burón tamén destaca o convenio que recentemente asinou co alcalde fonsagradino, Carlos López, que se traduce nunha axuda municipal de 2.000 euros para apoiar as actividades que organice o club durante os próximos meses.

Entre esas iniciativas que se queren pór en marcha, Nuria Fernández adianta, como unha das máis inmediatas, a próxima edición da ruta de sendeirismo, aínda que non será a única.

"A intención a medio prazo é poder organizar xornadas de espeleoloxía ou barranquismo e organizar probas deportivas como un trail de montaña. Xa máis de fronte ao futuro, gustaríanos contar tamén cun rocódromo para iniciar aos pequenos na escalada", asegura Nuria Fernández, quen engade que todos os que queiran porse en contacto ou recibir información sobre o club poden facelo a través do correo electrónico [email protected].

Comentarios