Nace en Becerreá Rente ao Couce, un colectivo para dinamizar o medio rural

Cinco veciños fundaron esta entidade, aberta á participación, que ten como obxectivo pór en marcha iniciativas lúdicas e culturais
Integrantes de Rente ao Couce, de Becerreá. EP
photo_camera Integrantes de Rente ao Couce, de Becerreá. EP

"Chegou o momento de actuar, non podemos quedarnos esperando a que as administracións se acorden de nós, temos que movernos". Con este impulso naceu a asociación becerrega Rente ao Couce, segundo explica o seu tesoureiro, Inazio Abrao, quen xunto a Cuca Gómez, Ana Santiso, María Osorio e Antón Santos puxeron en marcha esta entidade de recente creación que ten como obxectivo dinamizar o medio rural.

"Todos vivimos ou nacemos en Becerreá e decidimos dar un paso adiante e facer cousas polo noso municipio", sinala Abrao. Así, os principais obxectivos que perseguen é pór en marcha actividades lúdicas e culturais no concello. Desde a organización explican que están abertos á participación de quen desexe sumarse a esta iniciativa "para entre todos organizar actos de todo tipo". Entre os seus retos a curto prazo está organizar un magosto na localidade ou accións ambientais como unha xornada de limpeza de vertedoiros incontrolados. Tamén teñen en mente impulsar iniciativas vinculadas co teatro ou a literatura. "Non temos un calendario pechado, a idea é ir organizando cousas segundo vaian xurdindo e canta máis xente se anime a achegar ideas, mellor", precisan.

PRESENTACIÓN. Decenas de persoas arrouparon a estes cinco veciños na presentación oficial da asociación que tivo lugar o pasado sábado. A xornada contou cunha ruta polo municipio e un recital poético a cargo de Eva Xanim e Toño Núñez. O toque musical do día púxoo o grupo A Quenlla.

"Quedamos moi agradecidos do apoio recibido, moita xente interesouse pola asociación e esperamos que se somen a este proxecto para cambiar as cousas", destacou Abrao. Precisamente, os promotores de Rente ao Couce sinalan que o nome da entidade pretende "recoller a filosofía de comezar a facer as cousas sen esperar por ninguén. Unha acción directa. Non agardamos ningunha rendibilidade económica nin doutro tipo, só queremos actuar polo noso municipio".

Comentarios