O museo da Fonsagrada pide fondos á Deputación para ampliar a instalación

A vicepresidenta provincial mostrouse aberta ao proxecto, que inclúe a creación dun espazo expositivo e unha sala de eventos
photo_camera Maite Ferreiro (terceira pola dereita), co padroado do Museo Etnográfico Comarcal da Fonsagrada. EP

O padroado do Museo Etnográfico Comarcal da Fonsagrada presentou este martes á vicepresidenta da Deputación de Lugo, a nacionalista Maite Ferreiro, as necesidades das instalacións co fin de recibir o apoio económico da institución.

O alcalde do municipio, Carlos López, indicou que soamente a ampliación ten un custo de 200.000 euros, que incluirían a creación dun corredor que permita percorrer o espazo expositivo con maior folgura e a dunha sala de conferencias para a celebración de eventos. Ademais, na reforma prevese ampliar a zona dedicada á arqueoloxía.

"Ferreiro amosouse aberta a estudar a proposta, que en calquera caso só se podería facer por fases", indicou López tras a reunión. O rexedor socialista tamén indicou que esta petición non exclúe a que tamén formalizarán ante outras administracións.

O museo insistiu na solicitude de fondos europeos a través do GDR-3 Montes e Vales Orientais na presente convocatoria, e despois de que hai dous anos denegásenos por falta de puntuación.

O museo comarcal foi fundado por un grupo de veciños hai tres décadas, e nel é posible contemplar multitude de pezas que recrean a vida tradicional da montaña

Ademais, tamén pedirán fondos á Xunta de Galicia, e o Concello achegaría unha porcentaxe do financiamento, segundo confirmou este martes o alcalde do municipio.

O rexedor tamén indicou que outras das necesidades que presenta o museo comarcal serían as de construír un ascensor que achegue accesibilidade ás instalacións e illar as fiestras do edificio cambiando as contras.

"O museo é unha instalación de referencia para os veciños e para os visitantes, que constantemente acolle actividades e programación cultural. Por iso merece toda a atención", sentenciou o rexedor fonsagradino.

No encontro tamén participaron Xoan Xosé Molina, director do museo comarcal; Esperanza Abelaidas, secretaria; Maruja Abraira, vocal; Xosé, vocal, e as concelleiras María do Mar Testa e María Xosefa Ortiz.

O museo comarcal foi fundado por un grupo de veciños hai tres décadas, e nel é posible contemplar multitude de pezas que recrean a vida tradicional da montaña. O proxecto da súa ampliación remóntase ao ano 2007, momento desde o que se solicita esta reforma.

Comentarios